Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2025 | Actualizada ás 13:56
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo balance do aniversario da toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta, do que lamentou que "ignora os principais problemas dos cidadáns" e advertiu de que Galicia "non ten liderado nin proxecto claro".
"Cúmprese un ano de Rueda á fronte da Xunta. Un ano, pero os 16 anos anteriores das políticas equivocadas do PPdeG tamén levan a marca da súa responsabilidade", afirmou Besteiro, ao lembrar a traxectoria do actual presidente como número dous de Alberto Núñez Feijóo durante máis dunha década.
Besteiro denunciou que Rueda "ignora os principais problemas" da cidadanía. Ante isto detallou que a sanidade "está colapsada", a vivenda "inaccesible" e iso, para Besteiro, son "reflexos do fracaso das prioridades sociais". "A súa única aposta é unha aposta industrial e é Altri, unha macrocelulosa polémica, contestada socialmente, de viabilidade incerta e que Galicia non necesita", sinalou Besteiro.
A continuación, o líder de filas dos socialistas galegos criticou que Rueda "segue mais preocupado pola súa imaxe que pola xestión" e afirmou que o presidente autonómico "deixa pasar oportunidades e mostra morneza" na defensa dos intereses dos galegos. Así mesmo, asegurou que Galicia "non pode seguir atrapada na inercia" e esixiu unha "alternativa seria, con proxecto, centrada nas necesidades reais da xente".
PP
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, enxalzou o "compromiso con Galicia" e a "transparencia" do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do seu goberno o día que se cumpre un ano da toma de posesión do presidente galego nun acto no parque de San Domingos de Bonaval, en Santiago.
"Hai un ano, celebramos que os galegos déronlle a súa primeira maioría absoluta a Alfonso Rueda e dixeron si a Galicia, á Galicia que funciona, á estabilidade, á xestión e ao sentidiño", sinalou este domingo. Durante este tempo, continuou Prado, Alfonso Rueda e o seu goberno "demostraron o seu compromiso" con Galicia e tamén "a súa transparencia" en todo o que fixeron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.