A Xunta concede declaración ambiental a unha canteira situada nunha área crítica para a aguia real en Carballeda

No informe ambiental recóllese que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu nun primeiro momento un estudo desfavorable por diversos impactos e foron necesarios ata catro informes correctores do promotor para conseguir a autorización na que "non é previsible" que "xere efectos significativos".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 22/04/2025 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

A Xunta concedeu a declaración de impacto ambiental a unha canteira de lousa no municipio de Carballeda de Valdeorras, cunha vida estimada de explotación de 30 anos. Esta canteira está impulsada por Lousas Peñafurada (anteriormente Explotacións Mineiras Galegas) e ocupará unha superficie de 10 hectáreas da concesión de explotación Oportuna, nunha área considerada "crítica" para a aguia real.

Precisamente, no informe ambiental, publicado este martes, recóllese que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu nun primeiro momento un estudo desfavorable por diversos impactos e foron necesarios ata catro informes correctores do promotor para conseguir a autorización na que "non é previsible" que "xere efectos significativos". Ademais, impóñense diferentes condicionantes que se deben cumprir para non provocar danos.

A vida da canteira desenvolverase en dúas fases: unha explotación ao descuberto durante cinco anos e unha segunda que se desarollará durante 23 anos a través de galerías soterradas. A estimación é dunha reservas brutas explotables de 1.366.875 toneladas, cun ritmo de produción anual dunhas 30.000 toneladas. Construiranse preto dun quilómetro de cunetas para conducir a auga a catro balsas de decantación.

Proxecto de canteira de lousa en Carballeda
Proxecto de canteira de lousa en Carballeda | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta