Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/04/2025 | Actualizada ás 18:46
As plataformas Media Distancia Galicia e Perder O Tren, que agrupan a persoas usuarias habituais do ferrocarril en Galicia, realizaron durante o último trimestre de 2024 unha enquisa paraanalizar as necesidades reais en materia ferroviaria. O estudo centrouse na percepción sobre frecuencias e horarios, así como no impacto que tería o fin da gratuidade no transporte ferroviario sobre a economía dos fogares.
A mostra, composta por 400 persoas usuarias habituais de tren, representa unha visión global e significativa dun colectivo estimado en 80.000 persoas en Galicia. Cun nivel de confianza
do 95% e unha marxe de erro inferior ao 5%, os datos reflicten con claridade as principais carencias do servizo.
Unha ampla maioría considera que os horarios actuais non se adaptan ás súas necesidades diarias: o 29,8% di que se axustan "pouco" e o 35,6% cualifícaos de "regulares". Só un 25,3% opina que están "bastante" ben, mentres que un 6% asegura que non se adaptan "nada" e un escaso 2,5% afirma que se axustan "moito". As frecuencias tamén obteñen valoracións maioritariamente negativas. Un 35,6% cre que son regulares, un 28,8% considéraas pouco adecuadas e un 5,8% afirma que non se axustan en absoluto. No lado positivo, só un 26% di que están bastante ben e apenas un 3,8% considera que se adaptan moito.
Estes resultados confirman unha demanda histórica das plataformas: reforzar os servizos nas franxas horarias de maior mobilidade, especialmente á primeira hora da mañá, desde os
principais núcleos de poboación. As plataformas subliñan que os datos recollidos nesta enquisa contrastan coas valoracións oficiais que fan Renfe e Adif sobre a calidade do servizo e o grao de satisfacción. Ao seu xuízo, estes resultados evidencian unha disociación entre as estatísticas institucionais e a experiencia diaria das persoas usuarias. Por iso, solicitan, unha revisión urxente da configuración do servizo público ferroviario galego para que este cumpra efectivamente a súa misión: cubrir as necesidades reais da mobilidade cotiá da cidadanía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.