Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 04/05/2025 | Actualizada ás 12:00
Para amosar fastío, aborrecemento, cansazo ou repulsión ante a insistencia de alguén en repetir de xeito insistente, teimudo ou cargoso algún dito ou acto que resulta molesto, en castelán non é estraño escoitar, alén doutras secuencias fraseolóxicas, expresións do tipo (y) vuelta con la burra al trigo, (y) dale que te pego, (y) dale ou (y) vuelta y dale.
No presente artigo (que imos dividir en dúas partes, dado o amplo número de enunciados paremiolóxicos rexistrados ó respecto) imos pór de manifesto diversas secuencias expresivas galegas que fornecen ese mesmo contido:
¡(Y) Vuelta con la burra al trigo (...)! && ¡(Y) Vuelta la burra al trigo (...)!
¡(Y) Dale con la burra al trigo (...)!
¡(Y) Otra vez la burra al trigo (...)!
¡(Y) Zurra, que es tarde (...)!
¡Ya escampa, y llovían guijarros!
{= Secuencias expresivas con que, amosando fastío, aborrecemento, cansazo, repulsión ou sensacións semellantes, se dá a entender que alguén repite de xeito insistente, teimudo ou cargoso algún dito ou acto que resulta molesto.}
¡(E) Volta á bola (...)!
¡(E) Volta á bola, que é de millo toda (...)!
¡(E) Volta á bola, que é de cebola (...)!
¡(E) Dálle co bolo, que é miolo (...)!
¡(E) Dálle, que aínda bole (...)!
¡(E) Volta # Veña # Dálle (outra vez) coa burra a brincos (...)!
¡(E) Leria, que marcha a tropa (...)!
¡(E) Reza, Pilara (...)!
Ex.: —Vosotros podéis decir misa, pero eso era penalti. —¡Y vuelta con la burra al trigo! ¡Qué coñazo de tío, madre mía!
—Vós podedes dicir misa, pero iso era penalti. —¡E volta á bola ‡ E volta á bola, que é de millo toda ‡ E volta á bola, que é de cebola ‡ E dálle co bolo, que é miolo ‡ E dálle, que aínda bole ‡ E volta outra vez coa burra a brincos ‡ E leria, que marcha a tropa ‡ E reza, Pilara! ¡Que cangazo de tío, mi madriña!
Ex.: ¡Y vuelta con la burra al trigo con lo de que te deje ir a la fiesta!
¡E volta á bola (, que é de millo toda, ‡ que é de cebola,) ‡ E dálle co bolo, que é miolo, ‡ E dálle, que aínda bole, ‡ E volta outra vez coa burra a brincos ‡ E leria, que marcha a tropa, ‡ E reza, Pilara, co de que te deixe ir á festa!
● Tamén:
¡(E) Volta a burra ó millo (...)!&& ¡(E) Volta a burra ó trigo (...)! && ¡E fío dobre, dobre fío (...)!&& ¡(E) Veña na mula outra vez (...)! && ¡(E) Xa estar na mula outra vez (...)! && ¡(E) Darlle voltas, que é unha vincha (...)! && ¡(E) Darlle vinte voltas de moa (...)! && ¡(E) Volta # Veña (outra vez) coa burra ó cortello (...)! && ¡E segue a mazurca (...)!
Ex.: —Vós podedes dicir misa, pero iso era penalti. —¡E volta a burra ó millo ‡ E volta a burra ó trigo ‡ E fío dobre, dobre fío ‡ E veña na mula outra vez ‡ E xa está outra vez na mula ‡ E dálle voltas, que é unha vincha ‡ E dálle vinte voltas de moa ‡ E volta outra vez coa burra ó cortello ‡ E segue a mazurca! ¡Que cangazo de tío, mi madriña!
Ex.: ¡E volta a burra ó millo co de que te deixe ir á festa ‡ E volta a burra ó trigo co de que te deixe ir á festa ‡ E fío dobre, dobre fío, ‡ E veña na mula outra vez co de que te deixe ir á festa ‡ E xa estás outra vez na mula co de que te deixe ir á festa ‡ E dálle voltas, que é unha vincha, co de que te deixe ir á festa ‡ E dálle vinte voltas de moa co de que te deixe ir á festa ‡ E volta outra vez coa burra ó cortello co de que te deixe ir á festa ‡ E segue a mazurca co de que te deixe ir á festa!
NOTAS:
1. Nótese a que voz bola (fronte a bóla, que presenta “o” aberto) se pronuncia con “o” pechado, de xeito tal que no segundo e terceiro fraseoloxismo reflectidos temos unha rima consonante con cebola e unha rima asonante con toda.
2. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Anta Fernández, Alicia: “O Robledo é capital e o demais son conquistas: fraseoloxía de Robledo de Domiz”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 23, 2021, páxs. 141-157. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Departamento de Cultura do Concello de Muxía: “Proxecto Buserana”. No seguinte enderezo de Internet: http://proxectobuserana.concellomuxia.com/a-benvida-ao-proxecto-buserana/
- Ferro Ruibal, Xesús: “Dentes e moas na fraseoloxía galega”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 69-126. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Fraseoloxía Carcamana. Dentro do blog Historia e historias da Arousa.
- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/.
- Groba Bouza, Fernando: “A cabalo regalado non se lle mira o dente. Compilación da fraseoloxía equina galega actual”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 317-372. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Martíns [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo: “108 fórmulas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 235-246. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.