O paro baixa máis dun 3% en Galicia en abril

Creáronse máis de 8.000 empregos. A Seguridade Social gañou 8.038 afiliados en Galicia en abril respecto ao mes anterior, un 0,74% máis.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/05/2025 | Actualizada ás 10:17

Comparte esta noticia

O paro baixou en Galicia en abril en 3.610 persoas, un 3,03 % respecto ao mes anterior, un mes no que o país creou 8.038 empregos, un 0,74 % máis que en marzo,  ata os 115.545 desempregados. En comparación co mesmo mes do ano anterior, son 10.789 parados menos en Galicia, o que supón un descenso do 8,54% interanual. Segundo os datos divulgados este martes polo Ministerio de Traballo e Economía Social, no mesmo período, o paro baixou no conxunto de España en 67.420 persoas, un 2,61 %, case medio punto menos que en Galicia.

Gráfico con cifras de paro en España. Europa Press
Gráfico con cifras de paro en España. Europa Press

Por provincias, o maior descenso, en valores absolutos, produciuse na Coruña, que contabilizou 1.671 parados menos (-3,55%). A continuación situouse Pontevedra, que reduciu en 1.289 persoas o paro (-2,8%), e despois Lugo (370 desempregados menos, un 3,16%) e Ourense (280 menos, un 1,95%). Por sectores, diminuíu o paro en agricultura (113 desempregados menos), en industria (157 menos), en construción (213 menos) e en servizos (2.681 menos). Tamén caeu no colectivo sen emprego anterior (446 parados menos).

Así as cousas, o mercado laboral galego baixa por primeira vez das 117.000 persoas desempregadas desde que hai rexistros (1996) ao obter en abril unha cifra de paro de 115.545. Así o destaca a Xunta nun comunicado de prensa. O conselleiro de Emprego, José González, valorou os datos do paro relativos a abril e resaltou tamén que Galicia é a terceira comunidade na que máis baixa o paro en termos relativos na comparativa anual.

SEGURIDADE SOCIAL


Por outra banda, a Seguridade Social gañou 8.038 afiliados en Galicia en abril respecto ao mes anterior, un 0,74% máis, ata alcanzar os 1.087.434 ocupados na comunidade, segundo os datos publicados polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións este martes. Este repunte intermensual da afiliación está lixeiramente por baixo da media estatal, que rexistrou un crecemento do 1,08%. En termos interanuais, a afiliación creceu en Galicia un 1,79% cunha media de 19.099 cotizantes novos, tamén por baixo do avance de España (+2,31%).

As catro provincias galegas gañan cotizantes en abril fronte a marzo, con Lugo con maior repunte relativo (1,06%), que se anota 1.317 máis, ata un total de 126.151 afiliados. Séguelle o 0,80% de repunte na Coruña, con 3.787 máis (un total de 475.851); Pontevedra, cunha alza do 0,63% e 2.360 máis (un total de 378.109); e o incremento en Ourense é o menor, do 0,54%, 574 ocupados máis (total de 107.323). Tamén o catro experimentan subidas interanuais. A gran maioría dos inscritos na Seguridade Social en Galicia pertencen ao Réxime Xeral, o máis numeroso do sistema, en concreto 865.226 --dos que 21.881 figuran no servizo especial do fogar e 6.029 no agrario-. A eles súmanse 204.168 autónomos e 18.040 traballadores do mar.

SINDICATOS

Sindicatos advirten de que o mercado laboral galego é "precario", en palabras da CIG, presenta "brecha de xénero e territorial", segundo CC.OO. e é preciso "repartir mellor o tempo, a riqueza e o traballo", para UGT. Nun comunicado de prensa, a central nacionalista alerta dun mercado laboral "que profunda na explotación en Galicia". O secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, denuncia a dependencia de sectores estacionales, a "paralización" da negociación colectiva e o modelo produtivo actual, á vez que reclama "cambios estruturais" para garantir "un emprego digno".

Por parte de UGT, valora que o emprego "segue crecendo", por mor dos datos do paro publicados este martes. "Pero agora toca repartir mellor o tempo, a riqueza e o traballo". Subliña que "negarse a debater a redución da xornada de traballo ou impedir este avance en dereitos laborais é situarse en contra da maioría social do país", incide. Mentres, CC.OO. resalta a caída do paro e o aumento da afiliación na comunidade galega, pero avisa da brecha de xénero e territorial. Así, indica, "créanse menos empregos que no estado e persiste a desigualdade laboral das mulleres". Para Eduardo Abad, presidente de UPTA, "os datos son incontestables" no relativo a autónomos: "máis emprego e máis autónomos que nunca". "A situación económica, a estabilidade e o consumo son factores que están a propiciar marcas no traballo autónomo no noso país", destaca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta