Por Galicia Confidencial | Allariz | 08/05/2025 | Actualizada ás 09:00
O Concello de Allariz vén de presentar a súa programación para conmemorar o Día das Letras Galegas, que neste ano dedícanselle ás cantareiras e á poesía popular oral. No acto estiveron a alcaldesa, Cristina Cid, e os concelleiros Alberto Conde (Cultura), Iago Santás (Mocidade) e a concelleira María López (Promoción Económica), quen destacaron a importancia de promover o uso da lingua galega a través de iniciativas culturais abertas á participación de toda a veciñanza.
A programación desenvolverase entre os días 16 e 18 de maio e inclúe unha ampla variedade de actividades culturais pensadas para todos os públicos:
VENRES 16 DE MAIO
A celebración das Letras Galegas comezará o venres 16 de maio ás 21:30 h na Praza Maior e farao cunha noite de música tradicional e contemporánea. Actuarán a Escola Municipal de Música Tradicional de Allariz, a agrupación Ukestra do Medio, e o grupo Guezos, cun concerto que mestura folk e rock en galego.
SÁBADO 17 DE MAIO
Este día comezará cun roteiro temático baixo o título: “No Día das Letras Galegas, percorremos Allariz da man dos seus escritores!”. Trátase, como comentan dende o concello "dunha actividade que convida a redescubrir a vila a través da súa relación coas letras". O percorrido, guiado, sairá ás 12:00 h desde a Oficina de Turismo, ten un custe de 2 ou 3 € --segundo se teña ou non a tarxeta cidadá--, e será necesaria inscrición previa en turismo@xeitura.com.
Ás 12:30 h. haberá unha sesión de contacontos para público familiar no Mercado da Reserva coa narradora Iseo A Moura: “Se as árbores falasen”.
Xa pola tarde, ás 20:00 h, a música volverá ser protagonista co concerto da Unión Musical de Allariz no marco do Festival Internacional de Xardíns de Allariz.
DOMINGO 18 DE MAIO
Como peche á programación, o domingo haberá unha proposta teatral para público familiar. Chega a Allariz o espectáculo “Fala Fala Falangueira”, da compañía Matrioska Teatro, que se representará ás 18:30 h na Casa da Cultura. A obra está recomendada para maiores de 7 anos e aborda a lingua galega desde o humor, a imaxinación e a reflexión crítica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.