Por gcdeportes | Lugo | 15/05/2016 | Actualizada ás 20:47
Ficha técnica:
SD Ponferradina 2: Santamaría; Adán, Alán, Raíllo, Camille (Casado, 83’); Andy, Basha (Álvaro Antón, 78’); Acorán, Berrocal (Jonathan Ruíz, 70’), Aguza e Djordjevic.
CD Lugo 1: Roberto; Álvaro Lemos, Carlos Hernández, Dealbert, Manu (Jonathan Pereira, 64’); Seoane, Carlos Pita; David Ferreiro, Campillo, Iriome (Sergio Marcos, 64’) e Joselu (Pablo Caballero, 64’).
Goles: 1-0: Basha (minuto 34). 2-0: Aguza, de penalti (56'). 2-1: David Ferreiro (74').
Árbitro: Cuadra Fernández (balear). Amarelas a Andy (15’) e Adán (92’) nos locais e a Manu (31’), Seoane (38’), Álvaro Lemos (54’) e Carlos Hernández (77’) nos lucenses.
Incidencias: partido da 38ª xornada da Segunda División disputado no estadio do Toralín ante 6.246 espectadores, entre eles medio milleiro de lucenses.
Vaise facer longo o final de campaña sen obxectivos. O Lugo repetiu resultado de hai unha semana e caeu 2-1 coa Ponferradina nun novo derbi dos Ancares. Os de Jose Durán, que fixo un troco triplo a 25 minutos do final, agardaron a ter un 2-0 en contra para tomarse o partido en serio. David Ferreiro marcou o 2-1 pero Pablo Caballero errou un par de ocasións para empatar. O Lugo suma tan só 5 dos últimos 21 puntos e perdeu catro dos últimos sete encontros.
A Ponferradina necesitaba a vitoria para fuxir do descenso, levou a iniciativa no arrinque e a piques estivo de marcar nos primeiros minutos, primeiro cun disparo de Adán que petou na defensa e logo nunha contra de Djordjevic que rematou ao pau. Tralo susto inicial, o Lugo recuperou o balón, e Iriome a piques estivo de sorprender ao meta rival tras tocar coa biquiera da bota un pase longo. Pero pouco durou a tranquilidade, e de novo o equipo berciano asediou a meta lucense, defendida por primeira vez no curso por Roberto. Raíllo tras un saque de falta e un remate coa testa de Berrocal que sacou Dealbert na liña gol foron os avisos. Deseguido, Basha, ante a pasividade defensiva, fixo o 1-0 por debaixo do meta lugués.
Trala reanudación, mesmo guión: un Lugo sen intensidade e a Ponfe achegábase con perigo con disparos de Acorán e Aguza que saíron desviados. No minuto 55, penalti inocente de Álvaro Lemos por empurrón e Aguza fai o 2-0. Durán buscou a reacción cun troco triplo, e deu entrada a Pablo Caballero, Jonathan Pereira e Sergio Marcos. Os lucenses recuperaron o balón e David Ferreiro, tras avisar cun primeiro centro raso que a piques estivo de sorprender a Santamaría, acurtou distancias no minuto 74. Quedaban máis de 15 minutos para buscar o empate, e o Lugo, en especial con dúas de Pablo Caballero, tivo ocasións para facelo, pero non houbo acerto. Tamén errou Djordjevic no tempo engadido a sentenza para a Ponferradina.
Lugo queda con 51 puntos, tras só unha vitoria e con catro derrotas nas sete últimas xornadas. O vindeiro domingo ás 17.00h, o Bilbao Athletic, pechacancelas con 29 puntos, visita o Anxo Carro. "Pelexaremos cada punto que quede", avisou José Curán ao remate.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.