A Xunta reivindica a súa xestión do apagamento: "Non existen contradicións, nin caos"

"Cando se coñece o desenlace, é moi fácil dar leccións", asegura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2025 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia reivindicou a actuación do Goberno autonómico durante o apagamento do 28 de abril. "Cando todos coñecemos o desenlace, é moi fácil dar leccións", aseveran. Así o defendeu o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila, que respondeu este mércores a unha pregunta formulada polo grupo nacionalista en sede parlamentaria sobre a caída xeral do sistema eléctrico, concretamente sobre o seu impacto no sistema educativo.

A deputada nacionalista Mercedes Queixas criticou o "caos" que viviu a comunidade durante o apagamento grazas á xestión da Administración galega. "Entendemos que é complicado, pero o que non é de recibo é a falta de lealdade institucional para crear un conflito maior ao Estado, e a falta de coordinación entre ambas as administracións", sinalou.

"Cando todos coñecemos o desenlace, é moi fácil dar leccións", sinalou Vila, que incidiu en que na situación "inédita" que se viviu, "non é a consellería a que toma as decisións". O secretario xeral relatou todo o ocorrido o último luns de abril desde que se produciu o apagamento, ás 12.33, ata que foi o Ministerio do Interior o que tomou as rendas da emerxencia, en nivel 3 en todo o Estado.

Antes diso, e sobre a comunicación da cancelación das clases para o martes 29 de abril, Vila explica que recibiran a indicación do Goberno de aforrar combustible e que Galicia conta coa maior rede de transporte escolar do Estado. "Por iso se mandou esa comunicación en tempo e forma a todas as familias, outra cousa é que se caeu o sistema", apuntou. "Non existe ningunha contradición nin caos que vostede relata. Os distintos niveis de emerxencia fóronse adaptando a unha situación inédita", insistiu.

As rúas da cidade sen luz durante o apagamento, a 28 de abril de 2025, en Vigo
As rúas da cidade sen luz durante o apagamento, a 28 de abril de 2025, en Vigo | Fonte: Alberto Paredes - Arquivo

SISTEMA DE SUBSTITUCIÓNS DE BAIXAS

O secretario xeral técnico tamén respondeu outra pregunta parlamentaria do bng sobre o protocolo de substitucións nos centros educativos que están con baixa. A deputada nacionalista acusou ao Executivo galego de non suplir as baixas coñecidas de antemán, nin tampouco as que se sabe que se van a renovar.

Vila, pola súa banda, reivindicou o bo funcionamento do sistema educativo galego, avalado por diferentes índices internacionais. "Un modelo robusto que combina excelencia con igualdade de oportunidades e coa maior estabilidade docente, coa menor porcentaxe de interinidade, moi por baixo da media estatal (do 5%)", explicou.

CASA CORNIDE

A deputada nacionalista foi a encargada tamén de formular outra pregunta sobre as accións que leva a cabo a Xunta para garantir a apertura ao público da Casa Cornide. Foi o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o encargado de responder, facendo un repaso pola situación á que se enfronta o inmoble, declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Neste punto amparouse Queixas, que cualificou de "tomadura de pelo á cidadanía" o peche da Casa Cornide, a pesar de que pola súa condición de BIC os propietarios do mesmo teñan que permitir un acceso mínimo de catro días ao mes. Bota de menos, comentou, un "pronunciamento público contundente" por parte do Goberno a este respecto.

Anxo Lorenzo defendeu a actuación da Xunta, pero puntualizou que actualmente existe un litixio en marcha, que arrincou en 2024 cando os propietarios da vivenda alegaron que a utilizaban habitualmente, algo que non coincidía coa valoración dos técnicos de patrimonio, que apuntaron que non había mobles. En xuño de 2024, incóase un procedemento sancionador á familia por incumprir o recolleito na lexislación, que se salda cunha infracción leve, que leva unha sanción dunha multa de 3.000 euros.

Os propietarios presentaron recurso de alzada a esta decisión, agora en estudo. A pesar disto, en novembro de 2024 presentan unha proposta de visitas e a dirección xeral dá conformidade para que sexan guiadas, de luns a xoves e de 9 a 13 horas, en catro quendas de visita con cinco persoas máximo por quenda.

Xa este ano, no mes de abril, os propietarios envían un escrito alegando que a normativa que obriga a permitir as visitas "non di que teñan que ser eles os que asuman os custos". A dirección xeral de Patrimonio responde leste mesmo mes de maio que, en base á normativa, é "obrigación inherente á condición de propietario e que a lei non atribúe á administración estes gastos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta