Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2025 | Actualizada ás 16:56
O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, reclamou este venres ao BNG que "abandone a pancarta" e traballe na elaboración dun gran pacto polo galego que garanta o futuro dunha lingua que "pertence a todos os galegos". "Entre todos imos garantir a súa expansión", dixo.
"Celebramos mañá o Día das Letras Galegas nun momento que creo especial para o futuro de galego, xa que está aberto un proceso para a formalización dun gran pacto pola lingua e para a renovación do Plan Xeral de Normalización Lingüística", manifestou nunha rolda de prensa ofrecida este venres na Cámara galega.
Con todo, lamentou que, neste proceso, como en todo o que ten que ver co futuro de Galicia e que supoña algún beneficio para os galegos", o BNG decidise "botarse fóra de forma unilateral", chegando mesmo a "tratar de boicotear" a primeira das reunións celebradas incitando aos presentes a abandonar o proxecto.
"Felizmente, o éxito deste boicot traduciuse no abandono das dúas únicas persoas que promovían esta acción, como se confirmou posteriormente moi relacionadas co círculo máis próximo ao BNG e ás súas organizacións satélites", dixo.
ACHEGAS EN TOTAL LIBERDADE
"Estamos a falar dun pacto no que están a participar máis de 130 expertos, representando ás máis diferentes entidades, institucións ou organismos relacionados coa nosa lingua, que traballan en total liberdade facendo as súas achegas para que o galego teña un futuro firme e de expansión", explicou o portavoz popular, que sostivo que os nacionalistas "se cren os amos e señores de todo o relacionado co idioma, algo totalmente equivocado xa que o galego é propiedade de todos os galegos e forma parte substancial do patrimonio da sociedade".
"Debemos mostrar o noso orgullo porque o galego sexa o idioma cos niveis de competencia máis elevados entre todas as linguas cooficiais existentes en España, pero sendo conscientes da necesidade de impulsar o seu uso e prestixio, para o que é fundamental avanzar na elaboración dese gran pacto", afirmou.
TRANSPARENCIA SOBRE ALTRI
Ademais, referiuse ao BNG ao reclamar unha rectificación pública ao viceportavoz parlamentario da formación, Luís Bará, "porque foi capaz de denunciar aos catro ventos nunha rolda de prensa que a Xunta non facilitara toda a documentación que pedían o nacionalistas respecto da aprobación da declaración de impacto ambiental para o proxecto de Altri en Palas de Rei e, ao día seguinte, retirar esta mesma solicitude de documentación" ao "comprobar" que a Consellería xa lla remitiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.