Por Europa Press / Redacción | MADRID | 16/05/2025 | Actualizada ás 19:31
O Tribunal Supremo ditou unha sentenza que anula parte do Real Decreto 610/2024, que regula a creación da nova especialidade médica de Urxencias e Emerxencias, e recoñece o dereito a acceder a ela pola vía extraordinaria aos médicos xeneralistas titulados a partir de 1995 e aos profesionais con títulos estranxeiros homologados en España.
A decisión chega tras unha demanda presentada polo Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Madrid (Icomem), que cuestionaba o requisito do decreto que limitaba o acceso unicamente aos facultativos habilitados polo Real Decreto 853/1993, excluíndo así a un amplo colectivo de profesionais que, malia exercer en urxencias, non tiñan recoñecemento oficial por razóns de titulación consideradas "arbitrarias".
O alto tribunal estima parcialmente o recurso e obriga a que se reformule a aplicación da disposición transitoria para garantir que tamén estes colectivos poidan acceder ao novo título. "Mantense o contido procedimental, pero deberá adaptarse para incluír aos médicos xeneralistas aos que se amplía a posibilidade de acceso extraordinario", sinala a sentenza.
Segundo o Icomem, esta decisión afecta directamente a máis de 20.000 médicos en todo o Estado, moitos dos cales exercen nos servizos de urxencias e emerxencias sen que a súa experiencia profesional estivese recoñecida oficialmente. A entidade advertira que a exclusión suporía un "impacto negativo sobre o funcionamento do sistema sanitario" e podería agravar a falta de persoal nas áreas máis sensibles da atención médica.
A sentenza recalca que a exclusión vulneraba o principio de igualdade constitucional, ao establecer unha diferenza de trato sen base xustificada. O fallo deixa claro que a pretensión do Icomem era ampliar o acceso, sen perxuízo para os profesionais xa habilitados nin para os que estaban en proceso de obtención do novo título.
Desde Galicia, esta resolución tamén terá repercusión, xa que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) conta con numerosos médicos xeneralistas que desenvolven a súa actividade en PACs e servizos de urxencias hospitalarias. A sentenza permite que estes profesionais poidan acceder á nova especialidade por vía extraordinaria, sempre que cumpran cos requisitos esixidos.
O Icomem valorou "moi positivamente" o fallo, afirmando que "corrixe unha inxustiza clara e abre a porta ao recoñecemento oficial de milleiros de médicos" que levan anos desenvolvendo funcións especializadas sen título recoñecido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.