O rural convertido en parque temático: a trampa do turismo masivo no corazón de Galicia

"A turistificación do espazo rural forma parte dun proceso dirixido dende hai décadas pola Unión Europea, que desmantelou o potencial produtivo da agricultura e substituíuno por un modelo baseado na atracción de visitantes", denuncia o investigador da USC Valerià Paül Carril.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 26/05/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Nos últimos anos, Galicia apostou con forza polo turismo como solución para os males que afectan ao seu rural: a perda de poboación, a falta de oportunidades laborais, o abandono da terra e a caída da natalidade. A aposta institucional de Galicia dende os anos 90 foi clara: converter o territorio galego nun destino atractivo para visitantes, apoiándose especialmente na forza simbólica do Camiño de Santiago. Mais a realidade é máis complexa do que amosan os 'slogans' promocionais. O profesor e investigador Valerià Paül Carril, do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), leva tempo analizando os efectos reais dese modelo.

Dous peregrinos camiñando entre acivros preto do alto de San Roque, no Poio, en Lugo
Dous peregrinos camiñando entre acivros preto do alto de San Roque, no Poio, en Lugo | Fonte: XUNTA - Arquivo

A súa visión é clara, afiada e incómoda para moitos discursos oficiais: o turismo, lonxe de ser a solución máxica, está a xerar fondas distorsións no tecido económico e social das vilas e aldeas galegas. "O turismo pode ser un complemento, pero non o vector central do desenvolvemento rural", afirma. E non fala só dende a teoría, senón que tamén o observa no seu día a día --como veciño, pai e estudoso do territorio--, no que comproba os impactos reais da turistificación masiva. Dende a perda de comercio local ata a expulsión simbólica da veciñanza, pasando por unha mobilidade saturada e a conversión do rural nun espazo ao servizo do visitante.

O RURAL AO SERVIZO DO VISITANTE

"Agora mesmo en moitos concellos rurais atopamos moitas vivendas de uso turístico e negocios ao servizo do peregrino", afirma Paül Carril. En moitas vilas situadas ao longo do Camiño de Santiago os comercios de toda a vida pecharon portas, os servizos veciñais esmorecen e o que queda está cada vez máis orientado ao público foráneo, ata tal punto que en calquera tenda xunto aos produtos de alimentación básicos poden mercarse cunchas de vieira e recordos do Camiño. A economía tradicional --por exemplo, a produción agrícola e os derivados agroalimentarios--, que foi durante moito tempo o sustento do campo, quedou relegada nos últimos tempos a un segundo plano. E esta transformación non é casual. "Nesta reconfiguración da economía aparece nos anos 90 o turismo como o maná", expón o investigador, que sinala que "Galicia aposta todo ao turismo, co Xacobeo 93 como unha creación case persoal do presidente Fraga e esa obsesión súa polo Camiño". Obsesión que aínda segue vixente na actualidade.

"A turistificación do espazo rural forma parte dun proceso dirixido dende hai décadas pola Unión Europea, que desmantelou o potencial produtivo da agricultura e mesmo da transformación agroindustrial --non só temos que pensar no produto fresco, senón en toda a elaboración posterior que se pode facer con el e que xera industria, como acontece no caso do leite e o queixo que se fai a partir del-- e substituíuno por un modelo baseado na atracción de visitantes", denuncia o investigador da USC, que denuncia que "todas esas cadeas están sendo desmanteladas". E lembra como nos anos 80 se produciu en Galicia un desmantelamento do sector lácteo, pois "Galicia era o principal provedor de leite para o mercado español pero, no momento en que España entra na UE, isto rebenta por todos os lados, e deriva en que actualmente o número de produtores lácteros estea moi mermado en comparación co pasado". Outro exemplo, como sinala, é a "desagrarización da Ribeira Sacra", onde "se subvencionou o arrinque de viñedos para reconverter eses terreos en eucaliptais", mentres se fomentaba o turismo como motor alternativo. "Todo isto estivo deseñado e incentivado", asegura.

Un peregrino no Camiño de Santiago
Un peregrino no Camiño de Santiago | Fonte: TURISMO DE GALICIA - Arquivo

O IMPACTO ECONÓMICO REAL

Un dos argumentos máis recorrentes para xustificar o modelo turístico é o seu suposto impacto positivo na economía. E é que se sinalan "os crecementos demográficos en concellos do Camiño e as empresas que se crean arredor del --bares, albergues, restaurantes, tendas e ata servizos complementarios de transporte de bicicletas ou de mochilas--", algo que, como apunta o investigador, se pode ver especialmente en concellos como Sarria ou Palas de Rei, dentro do Camiño francés. Pero, segundo sinala, esta idea non se sostén se se analizan os datos con rigor. "Facer depender toda a economía destas vilas do turismo e de negocios fiados ao mesmo é un risco, pois aínda que non está mal que existan estas iniciativas, pero teñen que ser complemento de algo que estea no territorio, porque o Camiño pasa por estes concellos, pero hai que ter en conta que eses peregrinos non quedan neles", reflexiona.

"Segundo os últimos estudos oficiais publicados, o impacto económico dun peregrino é moi baixo en relación, por exemplo, co dun turista estándar que durme nun hotel en Santiago de Compostela", afirma Paül Carril, que se pregunta: "A que turismo estamos apuntando?". Máis en concreto, apunta a estudos previos que din que un peregrino gasta de media tres veces menos que un visitante estándar que se hospeda nun hotel tradicional. Tanto é así que o investigador evidencia que "moitos visitantes escollen realizar o Camiño porque é barato e, se non fose así, seguramente non o farían". Isto asegura que é un dato que se coñece a través dos estudos de demanda, que poñen sobre a mesa que, "para moita xente, o Camiño de Santiago é unha opción de viaxe moi económica".

MOBILIDADE E EXPULSIÓN SIMBÓLICA

Así as cousas, a concentración de visitantes nas rutas e a obsesión institucional por atraer cada vez a "máis e máis peregrinos", é algo que tamén preocupa a Paül Carril. "A única cifra de éxito que semella importar é o número de camiñantes, pero iso non se traduce, necesariamente, nun impacto positivo real", insiste. Neste contexto, as consecuencias do turismo masivo esténdense máis aló da economía. A vida cotiá da xente do rural tamén se ve afectada. Tamén resalta que os pasos de peóns das zonas polas que pasa o Camiño teñen semáforos que cambian continuamente a favor das persoas, mentres que os das zonas nas que non hai peregrinos, cambian a favor dos coches. Así, e case sen percatarnos, "estamos botando á nosa xente das súas vilas, porque se sente desprazada do seu propio xeito de vida e carece de servizos pensados para ela, con todos os que hai orientados cara o turismo".

APROPIACIÓN DO IMAXINARIO RURAL

Finalmente, a crítica de Paül Carril non se limita unicamente aos efectos físicos e económicos. Tamén sinala a manipulación simbólica que se fai do rural galego nos discursos públicos en non poucas ocasións. Como exemplo, cita o caso do personaxe de Benedicta, de 'O que arde', que rapidamente foi reciclada pola Xunta para facer anuncios dentro da campaña 'Galicia Volve' --tras a pandemia da covid-- nos que aparece tranquilamente servindo a turistas nunha casa rural dicindo que aquí nunca tivemos visitantes, só familia. "Pero, para que queremos rural? Para que veñan turistas? Non digo que non teña que haber turismo, pero si que este non pode ser o vector central de todo o demais", denuncia o investigador. E, nese senso, advirte contra a redución do rural a un simple decorado: "Non queremos un rural que só exista para ser visitado, queremos un rural para vivir", conclúe.

Camiño de Santiago ao seu paso por Paradela
Camiño de Santiago ao seu paso por Paradela | Fonte: Deputación de Lugo - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta