Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2025 | Actualizada ás 14:59
Sete centros educativos galegos lanzaron este martes unha cápsula estratosférica, a MarumaSat VII, que recollerá datos biolóxicos, climáticos e matemáticos para a súa análise posterior por parte dos alumnos participantes. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asistiu ao lanzamento e asegurou que "demostra o bo nivel do alumnado galego en ciencias". Segundo destacou o responsable autonómico, esta actividade educativa ten "unha altísima capacidade formativa" que demostra ademais o alto nivel do alumnado galego, que lanzou " ao espazo" un satélite que alcanzará os 30.000 metros de altura.
A este respecto, lembrou que no último informe PISA os alumnos galegos foron os mellores cualificados do conxunto de España. "Sen dúbida, as actividades formativas deste tipo, que mesturan lecer, coñecemento e moita emoción contribúen a que os alumnos se formen en ciencias ao mellor nivel posible", destacou. O globo lanzado esta mañá desde a praza central da Cidade da Cultura, un proxecto da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA), recollerá datos de carácter biolóxico, climático e matemático, que permitirá despois realizar unha análise e "traballar no ámbito das competencias formativas nestas ramas de coñecemento".
Unha vez aterre e se recollan os datos, cada centro levará a cabo os seus propios estudos. Entre os elementos de análises que se integran o o globo, están os tardígrados, que permiten analizar as condicións de presión e temperatura da atmosfera, tamén elementos para medir o radio terrestre e facer unha estimación do radio terrestre en altura, e un dispositivo de radio para poder ter unha comunicación autónoma co centro, sen depender de dispositivos externos. "É unha satisfacción, é un motivo de orgullo. Quero agradecer o traballo feito aos equipos directivos, ao profesorado e, sobre todo, aos alumnos que traballaron conxuntamente facendo un proxecto competencial que posibilita recibir e ter información, ademais de xerar moita motivación", explicou o responsable autonómico.
ESTUDANTES "EMOCIONADOS E COMPROMETIDOS"
Pola súa banda, Xosé Díaz, profesor do IES de Vila de Cruces remarcou a "emoción" e o "compromiso" que xera entre os máis novos este tipo de iniciativas. "Tamén lles achega un carro de coñecementos e aplicacións concretas do que estudan na aula", destacou. Participan no proxecto os institutos IES Miraflores (Oleiros), Maruxa Mallo (Ordes), Eduardo Pondal (Ponteceso), Arcebispo Xelmirez II (Santiago de Compostela) e Marco do Camballón (Vila de Cruces), así como o Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda) e o Centro de Educación Especial de Panxón (Nigrán).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.