Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2025 | Actualizada ás 18:46
Inspección de Traballo xa tramita sancións a A Vida 013, que debe nóminas de tres meses aos seus traballadores, segundo denunciou a CIG publicamente e ante o organismo correspondente. Fontes do mesmo trasladaron a Europa Press que están en trámites de sancionar á empresa, que é o que lle concerne ao servizo público, adscrito ao Ministerio de Traballo e Economía Social. Con todo, do Xulgado é de quen depende, despois, que os traballadores cobren.
O sindicato denunciou o 11 de abril á Inspección de Traballo que os traballadores non percibiran parte da nómina de febreiro --nalgúns casos, enteira-- nin a de marzo completa. Ademais, comunicou publicamente que en abril se repetiu esta situación, que afecta a máis de 70 empregados. Segundo informou a CIG, os traballadores da empresa son na súa maioría persoas migrantes, que están a vivir "un auténtico calvario" pola súa situación vital, "fóra dos seus fogares, sen ingresos e sen un soporte social forte".
"EQUIDISTANCIA" DO CONSELLEIRO
Por outra banda, a organización sindical reprochou ao conselleiro de Emprego, Comercio e Inmigración, José González, a "equidistancia" mostrada --a través de declaracións aos medios-- respecto da situación denunciada polos traballadores de A Vida 013, segundo trasladou nun comunicado. Preguntado o mércores en relación a se a Xunta ía intervir no asunto, o responsable autonómico expresou: "En relación coas situacións que afectan a empresas, como autoridade laboral, temos ou asumimos as obrigacións que nos corresponden", trasladou este mércores o responsable autonómico. Deste xeito, limitouse a pedir, "neste caso e en xeral", que exista "a maior negociación posible para o mantemento de todos os postos de traballo".
O responsable de construción da CIG en Lugo, Afonso Losada, cualificou como "vergoñento" que o responsable autonómico acudise "lixeiro e veloz" a reunirse co xerente de Sargadelos, Segismundo García, "para ofrecerlle todo tipo de facilidades no incumprimento flagrante da lei" e, en contraposición, "chame 'á maior negociación posible'" entre A Vida 013 e os seus traballadores "diante dunha situación alarmante". Así, considerou que González debe "esixir o pago inmediato dos salarios e o cumprimento de todas as súas obrigacións". Para o representante sindical, a "equidistancia" mostrada demostra que "está máis preocupado pola situación empresarial que pola situación dos traballadores".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.