Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2025 | Actualizada ás 19:05
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, asinaron na mañá deste martes na localidade coruñesa o primeiro convenio do novo programa da Xunta para mobilizar terreos de titularidade municipal para construír vivenda protexida.
Neste caso trátase de dous parcelas propiedade da administración local que a Xunta sacará a concurso (achegando os medios técnicos e xurídicos necesarios) en réxime de libre concorrencia para a construción de pisos, que poderán destinarse tanto a aluguer como a venda.
O Programa de oferta de só de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida entrou en vigor hai apenas unhas semanas e, segundo avanzou Martínez Allegue, xa son "varios" os municipios que manifestaron o seu interese. As Pontes é o primeiro que se adhire.
A achega da Xunta a este programa consiste non só en facilitar información a promotores, cooperativas e cidadanía sobre os chans dispoñibles, senón tamén en redactar os pregos, os anuncios de licitación, a mesa de contratación e a valoración técnica das ofertas.
O Concello, pola súa banda, ditará a resolución de adxudicación e participará na mesa de contratación. "Neste reto común que temos todas as administracións públicas de facilitar o acceso a unha vivenda digna e de calidade a todos os galegos e galegas temos que estar todos implicados", asegurou a conselleira, que lembrou que a Xunta está "a construír vivenda pública, desenvolvendo chan onde poder construír esa vivenda púbica e mobilizando vivendas baleiras para que saian ao mercado de aluguer".
Neste proceso, engadiu, "os concellos tedes moito que achegar e que dar aos veciños, así que por iso felicito ao Concello das Pontes por esta firma".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.