Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2025 | Actualizada ás 19:54
Unha muller resultou ferida este martes tras producirse un incendio nunha vivenda, que quedou calcinada por completo, situada no lugar de Casas Novas, en Pontevedra.
Segundo trasladou o 112 Galicia, a central de emerxencias tivo constancia deste incendio sobre as 15.15 horas ao recibir unha chamada dun particular que alertaba da presenza de chamas nunha casa situada na parroquia de Mourente.
Tal e como indicaron os alertadores, no interior do inmoble había polo menos unha muller, que logrou saír ao exterior saltando desde o primeiro piso coa axuda dunha manta.
Xa no punto, os servizos de emerxencias desprazados centraron os seus labores en extinguir o lume, que calcinou por completo a vivenda, de tres plantas de altura.
Así mesmo, os servizos sanitarios encargáronse de trasladar en ambulancia á muller ferida ao centro hospitalario de referencia. Ademais, no operativo tamén participaron axentes da Policía Local de Pontevedra e da Policía Nacional.
INCENDIO NA CORUÑA
Por outra banda, dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao Complexo Hospitalario da Coruña por inhalación de fume tras rexistrarse un lume nunha cociña dunha vivenda situada na rúa de Fanny Garrido, na cidade herculina.
Neste caso, o incendio queimou a campá extractora e foron os propios afectados quen lograron apagar o lume cun extintor.
Os feitos sucederon sobre as 14.30 horas. Nese momento, un particular informou ao 112 de que saía fume polas xanelas do piso. Pouco despois, os propios implicados contactaron coa central de emerxencias e sinalaron que o lume se orixinou nunha tixola, pasando á campá extractora.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros da Coruña e da Policía Nacional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.