Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 02/06/2025 | Actualizada ás 18:03
Os veciños dos municipios pontevedreses de Campo Lameiro, o limítrofe de Moraña e o de Caldas de Reis, situado a tan só 14 quilómetros do primeiro, mantéñense en albas á espera da confirmación oficial das identidades do home e da muller cuxos cadáveres apareceron o pasado sábado nun vehículo no primeiro destes concellos, mentres que dos outros dous poderían ser orixinarias as vítimas. Axentes da Garda Civil acudiron de novo a mañá deste luns ao lugar do achado, onde o vehículo xa foi retirado e xa foi levantada a zona acordoada, na cal só quedan restos de cinza.
Tal e como avanzou a Subdelegación do Goberno este luns, os labores de identificación dos corpos achados o pasado sábado "van tardar varios días, dado o grao de deterioración no que se atoparon". Dentro do coche, segundo fontes coñecedoras do suceso consultadas por Europa Press, atopábase unha muller completamente calcinada e no exterior un home que tiña parte do seu corpo queimado. As hipóteses que existen sobre a identificación son só "rumores", segundo expón o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, a Europa Press: "Veciños din que eran dous veciños de Moraña que levaban tempo desaparecidos, pero oficialmente non sabemos nada de momento".
Pola súa banda, o alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, tamén é coñecedor destes "rumores", que apuntan a unha parella na que el era natural de Moraña e ela, de Caldas de Reis: "Os rumores é o que din e estamos á espera de que se confirme a través do ADN ou se desminta, para ter constancia real". Con todo, a ningún dos concellos lles consta unha denuncia oficial por desaparición. No caso do rexedor caldense, si é coñecedor da "desaparición dun home" que traballaba nesta localidade: "No caso de que se confirme que son eles, efectivamente era el", abunda. Desde o centro de traballo deste home puxéronse en contacto coa Policía Local porque "levaba varios días incomunicado e sen aparecer no traballo". "Tentaron localizalo, pero foi imposible", engadiu Jacobo Pérez.
ACHADO DOS CADÁVARES
O sábado, ata o lugar dos feitos achegouse, ademais do alcalde de Campo Lameiro, o alcalde de Moraña, Sito Gómez, e o cura de Campo Lameiro, Fermín Santiago. "Estaba en Pontevedra e chamoume o subdelegado do Goberno para dicirme que apareceran dúas persoas calcinadas no meu concello, así que subín para o sitio", explicou Carlos Costa. O achado, que se produciu ao redor das 12.00 horas do sábado, fixérono "dous irmáns que ían dando un paseo polo monte" no lugar de Caneda, unha zona forestal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.