Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2025 | Actualizada ás 11:41
O Consello do Estudantado da USC súmase á defensa da continuidade do Mestrado en Matemáticas da USC tras a decisión tomada pola Xunta e elevada ao Consello Xeral de Política Universitaria nunha reunión anual mantida en Madrid. A Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades xustifícaa nunha "escasa demanda" do mesmo, xa que durante o últimos tres anos alcanzou unha media de 12 alumnos, mentres que o mínimo actual é de 16.
Nun comunicado remitido polo órgano representativo do alumnado, este defende que a decisión "non ten para nada en conta a singularidade deste máster", que é "único" no Sistema Universitario Galego (SUG).
Este programa permite o acceso aos programas de doutoramento nas áreas de Álxebra, Xeometría, Topoloxía, Análise Matemática, Ecuacións Diferenciais, Astronomía ou Física Matemática. Polo tanto, a súa exclusión da oferta educativa provoca unha "fuga de talentos" das persoas ingresadas que queiran continuar estudos de posgraos nalgunha destas áreas, xustificou.
"Esta decisión por parte do Goberno galego non obedece a ningún criterio estratéxico ou racional respecto da planificación do noso sistema universitario, senón que é un reflexo da tendencia observada durante os últimos anos de desmantelamento da nosa universidade pública", expresou o Consello do Estudantado.
A declaración de 'singularidade', que a facultade pediu en varias ocasións foi rexeitada, polo que, ante esta situación, o órgano universitario considera que se rexeitou "sen que se xustifique mediante informes técnicos" ou "se expliquen os criterios utilizados". "De recoñecerse a singularidade, o número de estudantes non sería relevante", engadiu.
Así mesmo, o Consello do Estudantado comprometeuse a apoiar calquera acción de protesta e de presión por parte do estudantado ou do resto da comunidade universitaria da Facultade de Matemáticas cara as autoridades competentes para garantir a continuidade deste máster.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.