Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/05/2016 | Actualizada ás 08:00
Estamos nun ano dobremente electoral e a Xunta multiplica as axudas e subvencións aos medios de comunicación. No que levamos de ano xa son máis de sete millóns de diñeiro público que o Goberno galego destinou a convenios publicitarios. Uns cartos aos que se lle sumaron, a pasada semana, máis de 2,3 millóns nunha nova campaña de Turismo.
Desta volta, trátase dun novo concurso para a elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais e culturais de Galicia no 2016. O obxecto é impulsar un conxunto de estratégias e accións de comunicación "coa intención de manter a sensibilización da poboación galega, nacional e internacional así como aos sectores implicados sobre os valores do turismo en Galicia" en distintos medios de comunicación.
Para iso, a Xunta destinará 2.430.000 euros, dos cales 16.380 serán para a axencia que xestione a campaña en concepto de comisión e 2.323.000 para o plan de medios que recolle anuncios en televisións, xornais, radios, revistas e suplementos, edicións dixitais e publicidade exterior.
Este concurso é a continuidade doutro que Turismo xa licitou en marzo deste ano. Daquela eran 750.000 euros; 450.000 euros para campañas publicitarias para promocionar, tamén, os recursos naturais e culturais de Galicia durante a Semana Santa deste ano, especialmente, a través de Internet e as redes sociais, e 300.000 máis para impulsar festas e actos culturais de interese turístico que se celebraron nesas mesmas datas.
Sospeitas
Precisamente, as contratacións de Turismo están baixo sospeita. Das 94 contratacións realizadas nun ano, 54 foron sen publicidade e só 31 saíron publicados no DOG.
Por iso, o portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, alertaba hai unhas semanas do gran número de contratacións se publicidade deste departamento da Xunta dependente de Feijóo.
Xa a final do pasado ano, e tamén en plena campaña das pasadas xerais, que agora se repiten, Turismo anunciaba a licitación de 4 millóns de euros, só, para un convenio concreto.
O obxectivo da campaña era a "contratación dun servizo integral para a elaboración e execución de campañas de turismo no ámbito galego, nacional e internacional durante o 2016". Un dos principais obxectivos era o Camiño de Santiago, pero este convenio para 2016 recollía tamén campañas especiais polo "Entroido, Semana Santa, Ponte de Maio, verán ou outono" co obxectivo de "promover a difusión e coñecemento dos valores e principios propios de Galicia", o "patrimonio histórico e natural de Galicia" e o fomento do "destino Galicia tanto en turismo interior como exterior".
Máis de 13 millóns
Desde que comezou o 2016, os plans, contratos ou licitación de convenios de publicidade ascenden a máis de sete millóns de euros. Unha cifra moi elevada posto que só transcurriron cinco meses dun ano no que hai dobre cita electoral; unhas xerais o 26 de xuño e unhas autonómicas no outono. Este diñeiro súmase aos 6,5 millóns en propaganda que a Xunta xa gastou na segunda parte do pasado ano, coincidindo tamén coa convocatoria electoral das pasadas xerais. En total, en menos dun ano a Xunta leva comprometidos máis de 13 millóns en publicidade nos medios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.