A CIG chama ao profesorado a concentrarse ante a “neutralidade ideolóxica” da Xunta

O sindicato convoca unha concentración diante de San Caetano o vindeiro 25 de xuño ás 12:00h.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2025 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A CIG-Ensino chama a todo o profesorado galego a prticipar nunha concentración o vindeiro mércores 25 de xuño, ás 12.00 do mediodía, ante a sede da Xunta en San Caetano, en Santiago, para protestar contra os "recortes" de dereitos laborais e a "censura" co documento que recolle instrucións de "neutralidade ideolóxica" nos centros.

Trátase da campaña reivindicativa 'Rectificar, recuperar, recoñecer', coa que o sindicato maioritario na educación pública galega pretende concluír o curso sen descartar que continúe en setembro se a Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades "non rectifica". Así o explicaron nunha rolda de prensa este mércores a nova secretaria nacional de CIG-Ensino, Laura Arroxo, acompañada de Diego Fenda e Marta Ferreiro.

En primeiro lugar, o sindicato nacionalista esixe á Xunta "que rectifique" para "devolver o que roubaron" aos profesores desde 2009 en materia de dereitos laborais. Entre as principais demandas está a recuperación do horario lectivo anterior a 2011, cando o goberno de Alberto Núñez Feijóo elevou as horas de clase de 18 a 21 en ESO e Bacharelato, e de 21 a 25 en Infantil e Primaria.

"PRIVATIZACIÓN" NA FP

Arroxo tamén criticou o novo decreto de FP anunciado pola Xunta o luns, que recolle a figura do profesor asociado, porque o que fai é "incidir nos defectos" destes ensinos: "Privatización e burocratización". "Coma se o profesorado de FP sobráselle", denunciou a responsable de CIG-Ensino, quen advertiu que estes docentes chegados de empresas "non teñen a titulación nin formación pedagóxica".

Así mesmo, Arroxo afeou á Consellería a súa forma de proceder co calendario escolar, que foi "totalmente imposto", a pesar de que había un "apoio unánime da comunidade educativa" de atrasar o inicio de curso ao día 10 de setembro. E é que, ao empezar o luns 8 de setembro, só hai unha semana de marxe, desde o día 1, para elaborar programacións e outros preparativos.

Protesta da CIG-Ensino co seu secretario nacional, Suso Bermello, ante a Xunta en San Caetano. CIG
Protesta da CIG-Ensino co seu secretario nacional, Suso Bermello, ante a Xunta en San Caetano. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta