Vivi Dente, a primeira 'drag queen' cega de España é galega: "Quero visibilizar e abrir camiño aos que veñen detrás"

Alejandro Losada perdeu a vista aos 14 anos e atopou no 'drag' un escenario de liberdade. Hoxe, con Vivi Dente, racha barreiras e estigmas dende o humor, o arte e a pel. Visibiliza a discapacidade dende a provocación, a música e a risa.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 14/06/2025 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Perder a vista sendo un neno é como volver nacer. Alejandro Losada, aos seus 23 anos, ben o sabe: leva case 10 anos sen visión. Cando tiña 14, e debido a unha enfermidade rara chamada BEHÇET, a súa vida mudou radicalmente. "O meu foi un diagnóstico moi complicado, porque estas enfermidades raras son difíciles de detectar e ata que xuntas moitos síntomas non chega o diagnóstico", explica. No seu caso, cada especialista trataba os síntomas que se ían presentando por separado, e non foi ata que chegou ás mans dun pediatra internista que xuntou as pezas do puzzle que descubriu o que realmente tiña. Con todo, Alejandro xa perdera a visión antes de chegar a ser diagnosticado. "Pasei por moitos problemas de saúde dende neno, entón para min ás veces o normal xa era non levar unha vida normal", lembra, orgulloso tamén de ter máis controlada a enfermidade no presente, despois do diagnóstico.

Cartaz anunciando a actuación da 'drag' cega Vivi Dente no clube Claro Boba! da Coruña
Cartaz anunciando a actuación da 'drag' cega Vivi Dente no clube Claro Boba! da Coruña | Fonte: Cedida

Para el perder a visión foi duro, sen dúbida, pero asegura que, "se puidese ter elixido cando perdela, tería elixido ese mesmo momento". "A min non me destrozou a vida quedar sen vista", asegura. Por que? "Tiña 14 anos e non estaba traballando nin tiña a ninguén a cargo miña, aínda estaba na ESO e non tiña ningunha profesión estudada, polo que non tiña que reubicar toda a miña vida tras quedar cego, como lle acontece a moitas outras persoas cando a cegueira lles vén de maiores", sinala, resaltando que, "cando somos nenos, somos como esponxas: absorbemos todo o que nos vén e adaptámonos". A súa cegueira non chegou de golpe, foi progresiva, e coincidiu cun período de saúde moi delicado para el: chegou a estar en cadeira de rodas por problemas nas articulacións. Por iso, confesa que "ás veces estaba tan mal que pasaban desapercibidos algúns síntomas porque quedaban opacados por outros".

"A POUCA VISIBILIDADE E INFORMACIÓN QUE HAI ARREDOR DA CEGUEIRA TRADÚCESE EN DISCRIMINACIÓN, ESPECIALMENTE SE ÉS USUARIO DE CAN GUÍA"

Unha vez perdeu a visión, Alejandro tivo que adaptarse á súa nova vida sen ver, o que foi como nacer de novo. "Tiven que volver aprender todo: comer, manexar o móbil, camiñar...", asegura, pero reivindica que "como persoa cega podes seguir facendo moitas cousas, aínda que a xente pense que non e non che deixen facer certas cousas porque xa asumen que non vas poder, como me acontece no meu día a día". Tamén asegura que pode pasar a situación contraria: "Como ven que me manexo bastante ben, sobreestímanme e pensan que algo teño que ver e que podo facer practicamente de todo". Dende a súa opinión, o problema principal de que aínda acontezan estas situacións está na "pouca visibilidade e información que hai arredor da cegueira" e que, moitas veces, "tradúcese en discriminación, especialmente se és usuario de can guía".

Alejandro asegura que aínda vivindo na Coruña, unha cidade á que considera moi aberta neste senso, "cada dous ou tres días teño un problema nun local, nun taxi, nun supermercado ou en calquera lugar para poder entrar co can". "Fai pouco saín facer uns recados o sábado pola mañá e de cinco locais nos que tratei de entrar co can, nos cinco me dixeron que non podía", exemplifica. Ata nunha ocasión remataron botándoo dun supermercado de moi malas maneiras: polo fío musical. E insiste en que moitas veces non hai maldade nas persoas, senón descoñecemento, polo que as políticas públicas deberían promocionar máis este tipo de cuestións: dar a coñecer e visibilizar. "Se a xente soubese que un perro guía pode entrar en calquera lugar, non acontecería isto", considera. Por iso, explica que no día a día ten que ter moita paciencia, algo que ás veces chega a ser moi canso. Con todo, convida a non deixar de insistir nos dereitos que ten unha persoa cega, pois "eu protesto por min, pero tamén polos que veñen detrás, e se podo abrirlles camiño e que o teñan máis doado, así o farei".

"NAMOREIME NADA MÁIS TER O MEU PRIMEIRO CONTACTO CO MUNDO 'DRAG', SAÍNDO DE FESTA NO CLUBE CLARO BOBA! DA CORUÑA"

O seu compromiso con esa visibilización dos dereitos das persoas cegas tamén se reflexa no plano artístico, faceta que Alejandro ten moi desenvolvida. Participou durante seis anos na agrupación teatral da ONCE en Ourense, aínda que el é orixinario de Monforte de Lemos e agora vive na Coruña. "Actuamos por toda Galicia con varios espectáculos e mesmo fóra e fixemos xiras, que eu compaxinei coa entrada no mundo audiovisual", explica, apuntando que "o mundo do cine tamén é difícil para unha persoa cega, pois moitos directores non entenden que non necesariamente un cego ten que facer de cego nunha produción". Alejandro tivo a sorte de participar nalgún proxecto audiovisual, nun filme e mesmo nunha curtametraxe rodada na Coruña. Tamén participou nunha curtametraxe da ONCE. Pero chegou un intre no que a saúde e o traballo obrigárono a parar: "Ese tempo foi moi complicado", lembra.

Tempo despois, tras mudarse á cidade da Coruña, buscou un novo grupo de teatro no que meterse, pero non atopou ningún. "Non atopaba ningún grupo no que me puidese meter e facer as mesmas cousas que estaba facendo coa anterior compañía na que estaba", lamenta. No medio desa desesperación, Alejandro comezou a facer plans que o puidesen entreter e foi así como empezou a saír de noite. Cal foi a súa sorpresa cando saíndo de festa se atopou co clube Claro Boba!, un clube de drag queens. "Namoreime nada máis ter o meu primeiro contacto co mundo drag", confesa, e asegura que dende esa cada vez que saía ía directo ao local, no que podía pasar a noite enteira. E, despois de entrar en contacto con xente do mundiño, decidiu crear el mesmo un espectáculo drag. "Tentei buscar referentes de drags cegas, pero non atopei". "Só atopei unha persoa nos Estados Unidos cun só ollo, pero a ninguén máis", sinala. Por ese motivo, deixou a súa pretensión apartada un tempo, ata que "un día escoitei unha entrevista a un mozo que se meteu no drag cando non lle saía nada en teatro, acendéuseme unha bombilla e dixen para min: se el puido, eu tamén".

"CO PROXECTO DE VIVI DENTE TAMÉN QUERO VISIBILIZAR A CEGUEIRA E DESESTIGMATIZALA, PORQUE UNHA PERSOA CEGA PODE FACER MOITAS COUSAS"

Así naceu Vivi Dente, a súa personaxe drag, un xogo de palabras derivado da súa cegueira. "Con este proxecto tamén quería visibilizar a cegueira e desestigmatizala", asevera, apostando por "quero amosar que unha persoa cega pode facer moitas cousas". De feito, a súa actuación comeza cunha caída: Vivi Dente sae do camerino e tropeza. "A idea con ese tropezo é rachar con esa imaxe de persoa torpe e incapaz que ás veces se ten dun cego, polo que, en canto podo, solto o bastón, quito as gafas e racho esa imaxe coa música e co baile", explica. Ademais, o seu show tamén inclúe referencias á experiencia visual. "Teño unhas esceas nas que ensino como soa un lector de móbil, como lemos as mensaxes que nos chegan, como nos desenvolvemos nas redes... Quero que iso estea presente no espectáculo, para que teña un toque máis persoal e visible", afirma.

Para Alejandro, o drag é "actuación, baile e música: a mestura perfecta de todo o que máis me gusta". E non foi doado. "Desenvolverme no escenario non me foi tan complicado grazas aos meus coñecementos previos do mundo do teatro, pero ben é certo que non é o mesmo estar nunha obra de teatro co público calado que nun espectáculo de drag con todo o público facendo ruído e animando", explica. Pero, se tivese que dicir que é a día de hoxe o que máis lle segue custando, aínda que vai mellorando, sería a maquillaxe: "A maquillaxe é o máis complicado, porque maquillarse a cegas é un desafío, non tes acceso visual aos titoriais de YouTube ou TikTok, porque eses vídeos non están pensados para persoas con esta condición", apunta. Pero, afortunadamente, como el mesmo di, ten dúas nais dentro do drag: unha é que me pariu e me orientou dende o principio e outra é a que me guía coa maquillaxe. "Estou aprendendo a base de tocarme a cara, sentir as texturas, saber onde vai cada produto... Se algo ten certa textura, sei que xa está ben cuberta a zona, se non, hai que seguir", exemplifica.

"SE EU LOGRO MÁIS DEREITOS E ESPAZOS DE INCLUSIÓN PARA AS PERSOAS CEGAS CON ISTO, É ALGO QUE XA QUEDA GAÑADO AOS QUE VEÑAN DETRÁS"

Despois da súa primeira actuación no Claro Boba!, Alejandro asegura estar "moi satisfeito e contento". "Recibíronme xenial" e, despois da actuación, "outras drags viñeron ao camerino a saudarme, o cal foi unha sensación preciosa de comunidade e de apoio, sen que ninguén me tratase diferente por ser cego", conta. "O clube é un sitio marabilloso, no que todas as noites hai espectáculos e no que ninguén che xulga pola túa condición ou orientación sexual, é liberdade pura", asegura. E aínda lembra a primeira vez que chegou alí e "atopou ás drags fumando na porta". "Pensei que estaba nunha película", chancea. Nese primeiro contacto seu coa actuación, confesa que estaba nervioso, pero tamén sentiu que estaba no lugar axeitado: "No Claro Boba! séntese esa enerxía de respecto e de liberdade". "Hoxe en día é moi complicado atopar lugares así, porque a cousa estase poñendo moi complicada", apunta.

Pero a súa ilusión vai máis aló dun único espectáculo. "Gustaríame que Vivi Dente continúe medrando, para poder levar o meu show a outras cidades e poder falar abertamente da cegueira dende o humor e a música, para que a xente se ría, pero tamén para que se leve algo para reflexionar cando marche", comenta, emocionado, Alejandro, que recoñece que aínda hai barreiras que superar. "Hai que empurrar por lograr máis dereitos para as persoas cegas e por abrir espazos de inclusión para todos", e, "se eu logro algo con isto, é algo que xa queda gañado para os que veñan detrás". Deste xeito, con Vivi Dente este mozo non só actúa, lanza unha mensaxe: "Se tes unha idea, un proxecto ou unha ilusión, tira para diante, custe o que custe, porque podes estar abrindo camiño para ti e para os demais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta