Un funcionario non inscribe un bebé dunha parella de mulleres por non estar casadas

A asociación Nós Mesmas presta asesoramento e apoio xurídico ás afectadas, mediante o programa 'Para Nós', un servizo integral de asistencia xurídica e social para mulleres LGBT

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2025 | Actualizada ás 18:37

Comparte esta noticia

Unha parella de mulleres da provincia de Pontevedra presentou unha reclamación de responsabilidade patrimonial por un anormal funcionamento da administración, tras a negativa dun funcionario a inscribir no Rexistro Civil ao fillo de ambas, ao non estar elas casadas.

A parella acudiu en xuño de 2023 a inscribir ao seu bebé no rexistro dunha localidade da comarca do Baixo Miño pero o funcionario negouse a facer o trámite porque as mulleres non estaban casadas. A asociación Nós Mesmas presta asesoramento e apoio xurídico ás afectadas, mediante o programa 'Para Nós', un servizo integral de asistencia xurídica e social para mulleres LGBT.

A avogada da entidade, Irene A. Francés, sinalou a actuación deste funcionario como un claro caso de "discriminación lesbofóbica", e sinalou que a administración ten unha responsabilidade pola actuación deste funcionario, que incumpriu a lexislación vixente nese momento (a coñecida como 'lei trans').

Segundo explicou a Europa Press, este traballador alegou que non podía inscribir ao bebé porque elas non estaban casadas e que a solución sería que contraesen matrimonio ou que o bebé foi inscrito como fillo da nai gestante e que a súa parella tramitase a adopción. Finalmente, as afectadas optaron por levar a cabo o rexistro en Vigo, onde "non tiveron ningún problema".

Despois de que a parella acudise a un Centro de Información á Muller e ao Concello desa localidade, con apoio de Nós Mesmas presentaron posteriormente unha denuncia por vía administrativa ante a Xunta, pero a Dirección Xeral de Xustiza non cualificou a actuación do funcionario como infracción grave, senón como leve, e arquiváronse as actuacións por superarse o prazo de prescrición.

En xuño de 2024 optaron por unha segunda vía, e presentaron reclamación ante o Ministerio de Xustiza para pedir responsabilidade patrimonial. "É un longo camiño, pero entendemos que deben ser resarcidas polo dano moral causado por esta discriminación", incidiu Irene A. Francés, que confirmou que se atopan á espera da resposta do Ministerio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta