Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2025 | Actualizada ás 14:24
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) tratou a case 10.000 pacientes de hepatite C nos dez anos que leva o plan para a abordaxe da enfermidade no Sistema Nacional de Saúde (SNS). Son datos ofrecidos este venres polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nun acto para conmemorar esta efeméride no edificio administrativo do barrio compostelán de San Lázaro, no que tamén interveu a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o presidente da Asociación Española para o Estudo do Fígado, Rafael Bañares, entre outros.
No seu discurso, Gómez Caamaño reflexionou sobre a importancia da prevención para reducir a incidencia da hepatite C, ante a falta dunha vacina eficaz contra esta patoloxía. O conselleiro aseverou que é "un problema de saúde pública a nivel mundial" e, para ese efecto, a Organización Mundial da Saúde (OMS) márcase como obxectivo reducir a enfermidade nun 90 % para o ano 2030. Iso si, a Xunta foi "moi ambiciosa" ao pór en marcha, xa a finais de 2022, un plan de eliminación que adianta catro anos, a 2026, este prazo.
De feito, o titular de Sanidade destacou a efectividadede de máis do 97 % que alcanzan agora os antivirais de acción directa, así como o proceso de "diagnóstico nun só paso", que reduce o tempo de acceso ao tratamento, e a identificación retrospectiva de pacientes con infección activa, co que se conseguiu identificar a máis de 250 persoas que descoñecían que a tiñan. Pola súa banda, o presidente da Asociación para o Estudo do Fígado manifestou como os pacientes de hepatites C se senten "pouco queridos" por parte dos sistemas de saúde, porque non teñen o foco dos que padecen enfermidades cardiovasculares ou un cancro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.