Queixa masiva ante a Valedora polo sistema encuberto de citas de agarda da 'caixa de correos' do Sergas

Sanidade defende que as súas listas son "reais" aínda que non estean os pacientes en 'caixa de correos': "Son cousas diferentes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2025 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

Nove entidades que agrupan a usuarios do Sergas presentaron ante a Valedora do Pobo unha queixa polo sistema de 'caixa de correos' para fixar citas no Sergas. Trátase dun sistema no que os pacientes quedan á espera de que se lles chame para unha cita. En concreto, alegan vulneración dos dereitos dos pacientes polo uso deste método para a fixación da data de cita de consultas externas especializadas.

A queixa subscribírona representantes da Asociación de Saúde Mental A Creba-Barbanza; da Asociación Galega de Persoas Amputadas; da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS; da Asociación de Dano Cerebral Compostela e a Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade. Tamén o Grupo de Coidadores de Enfermos de Alzheimer; Querendo, Mulleres con Endometriose; Unión Galega de Epilepsia e a Asociación Galega de Trasplantados de Medula Ósea e Enfermidades Onco-hematológicas.

En concreto aluden á situación na área sanitaria de Compostela-Barbanza ao entender que o sistema non ten base "legal" e que, ademais, "crea un limbo administrativo que converte a xestión da demanda asistencial nun proceso onde o incumprimento das normas permite que a arbitrariedade campe ás súas anchas".

"Como usuarios non podemos admitir que nun servizo básico como a sanidade pública, salten as normas esenciais que teñen como finalidade unha asistencia accesible e de calidade". E é que a pesar da carga asitencial, insisten en que fronte ao que debería ser unha situación excepcional no uso deste método para fixar cita converteuse na área sanitaria á que fan referencia nunha norma "non escrita, sen motivación e por tempo indeterminado".

Queixa colectiva ante a Valedora do Pobo de asociacións de usuarios do Sergas polo sistema de 'caixa de correos' para dar cita. ASOCIACIÓNS DE USUARIOS DO SERGAS
Queixa colectiva ante a Valedora do Pobo de asociacións de usuarios do Sergas polo sistema de 'caixa de correos' para dar cita. ASOCIACIÓNS DE USUARIOS DO SERGAS | Fonte: Europa Press

CONSELLEIRO

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, defendeu que as listas de espera que publica a administración son "as reais", aínda que non figuren nelas os pacientes que quedan no que se coñece como sistema de 'caixa de correos', polo cal xa os chamarán para unha cita.

"Son cousas diferentes", asegurou o conselleiro, en declaracións aos medios. Ante isto e as constantes demandas para que a Xunta publique as listas de espera non estruturais --estas últimas son as de pacientes en espera por motivos alleos ao servizo--, Gómez Caamaño recalcou a súa "transparencia" e cumprimento da publicación de datos como fixa a normativa estatal.

"As listas de espera non estruturais son para pacientes que renuncian á cirurxía ou non se pode intervir nese momento por causa médica ou porque simplemente non queren. Por exemplo, 'quero ir de vacacións, non quero que me chamen'", explicou. Neste contexto, a normativa estatal obriga a publicar a demora "estrutural".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta