Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2025 | Actualizada ás 13:44
A Xunta abre este luns e ata o 2 de xullo o prazo de solicitude para cursar unha titulación de Formación Profesional nas 49.164 prazas de novo ingreso habilitadas para o próximo curso 2025-26, un 5 % máis que no presente curso. Os interesados poderán escoller entre 251 titulacións diferentes --40 delas de nova implantación-- repartidas en 159 ciclos de grao medio, básico e superior, 28 másteres, 31 títulos de alta especialización, 18 formacións aceleradas (de nova implantación) e 15 programas formativos orientados a persoas con necesidades educativas especiais.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, animou á mocidade e á cidadanía no seu conxunto a coñecer a "ampla" oferta formativa "á carta", co reforzo de todas as modalidades. "Todo aquel que queira pode atopar un oco na FP", remarcou o conselleiro. Como novidade, co obxectivo de axilizar ao máximo o proceso de admisión e matrícula, este ano por primeira vez os tres períodos de adxudicación de prazas concentraranse no mes de xullo (ata agora había unha adxudicación en setembro).
A primeira adxudicación de prazas realizarase o 15 de xullo, a segunda o 22 de xullo e a terceira o 29 de xullo. Tras estas tres adxudicacións, do 1 ao 26 de setembro seguirá aberta a adxudicación continua desde os propios centros educativos naqueles ciclos formativos onde queden prazas vacantes. As instrucións cos detalles específicos para cada unha das modalidades poden consultarse no calendario de matrícula.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.