Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2025 | Actualizada ás 11:27
Galicia rexistrou 1.187 nacementos en maio de 2025, o que supón 169 máis que no mesmo mes de 2024 (+16,6%), segundo os datos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) este mércores. Este incremento rompe con case un ano consecutivo de descensos interanuais nos datos provisionais de nacementos do INE, xa que hai que remontarse a maio de 2024 para atopar outra subida.
No conxunto do que vai de ano, entre xaneiro e abril, os nacementos en Galicia foron 4.349, de forma que son tres máis que (+0,05%) en comparación co primeiro cuadrimestre de 2024. Abandona así o terreo negativo, aínda que está por baixo do avance do 0,96% da media española. O grupo de idade de nais con máis número de nacementos é entre 35 e 39 anos, con 1.419, seguido de 30 a 34 (1.343). Mentres, 640 mulleres de 40 ou máis anos tiveron fillos en Galicia no primeiro cuadrimestre, incluídas oito por encima de 50 anos.
DESCENSO DE DEFUNCIÓNS
Doutra banda, a comunidade galega rexistrou 14.923 defuncións nas primeiras 22 semanas deste 2025, é dicir, ata a última semana de maio, o que supón un 0,67% menos que no mesmo período do ano anterior, segundo as estimacións de falecementos publicadas polo INE. O descenso de mortes neste período en Galicia contrasta coa subida do 1,33% no acumulado do conxunto de España.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.