Por Europa Press / Redacción | LUGO | 28/06/2025 | Actualizada ás 11:43
O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, vén de presentar varias iniciativas na Cámara Baixa co obxectivo de demandar actuacións urxentes de mellora nos accesos ás principais praias do concello do Vicedo, na Mariña occidental.
Segundo informou o BNG, Rego solicita a reparación dos accesos deteriorados e cubertos pola area en varios areais, facendo especial fincapé no caso da praia de San Román. Así mesmo, reclama a instalación de ramplas de acceso na praia de Arealonga, co fin de garantir a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida.
O deputado nacionalista subliña que a formación aposta por unha xestión que combine a preservación do medio natural coa mellora de servizos e infraestruturas, salientando o valor turístico e ecolóxico de espazos como Arealonga, San Román e Abrela.
Rego destaca que o Vicedo conta cun litoral de gran valor ambiental, que mestura cantís costeiros con praias resgardadas de area fina, o que contribúe a facer desta zona un enclave de interese tanto para a conservación como para o desenvolvemento local. "Trátase dun patrimonio natural que representa tamén un importante atractivo turístico e, polo tanto, un motor económico para o municipio", afirmou.
As iniciativas rexistradas por Rego van dirixidas a instar as administracións competentes a que colaboren co concello na execución destas melloras, especialmente nos meses de verán, cando se incrementa notablemente a afluencia de visitantes a estas praias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.