A Xunta de Galicia activou os niveis de alerta 2 e 3 do seu plan de prevención por episodios de altas temperaturas en distintas zonas da comunidade, tras a evolución da onda de calor iniciada o pasado venres. A medida supón unha intensificación das accións de vixilancia e prevención sanitaria, especialmente nos concellos máis afectados.

Segundo informou o Executivo galego, o nivel 3, o máis elevado do protocolo, está vixente nos concellos do noroeste e da zona do Miño na provincia de Ourense, mentres que o nivel 2 afecta a áreas do interior de Pontevedra, así como a Valdeorras, o centro, a montaña e o sur da provincia de Lugo.
SUSPENSIÓN DO DEPORTE FEDERADO AO AIRE LIBRE
Como consecuencia da alerta laranxa emitida por este episodio de calor, queda suspendida a actividade deportiva federada ao aire libre durante este domingo e o luns en amplas zonas do país. A medida afecta a 12 concellos do noroeste de Ourense, 21 do Miño ourensán, 19 da montaña da mesma provincia, 16 do interior de Pontevedra, 11 do sur de Lugo, 26 do centro de Lugo e 14 da montaña lucense.
As autoridades insisten na prudencia e limitación da actividade física en exteriores, especialmente nas horas centrais do día, cando se prevé que os termómetros superen os 40 graos en varios puntos do interior galego.
RECOMENDACIÓNS PARA A POBOACIÓN VULNERABLE
A Consellería de Sanidade lembra que os principais grupos de risco ante estas condicións son as persoas maiores de 65 anos, nenos menores de 4, persoas con enfermidades crónicas (como cardiovasculares, diabetes, EPOC, insuficiencia renal, Alzheimer ou trastornos psiquiátricos), así como quenes viven en vivendas sen acondicionamento axeitado, teñen un índice de masa corporal fóra da normalidade ou traballan e practican deporte ao aire libre.
As recomendacións sanitarias inclúen beber líquidos con frecuencia, sen agardar á sensación de sede; evitar bebidas quentes, alcohólicas, con cafeína ou excesivamente azucaradas; consumir alimentos frescos, especialmente froitas, verduras e ensaladas; evitar comidas copiosas e optar por comidas máis lixeiras repartidas ao longo do día, e empregar roupa lixeira, de tecidos naturais, cubrir a cabeza con chapeu e protexerse con lentes de sol e crema solar.
Ante síntomas como esgotamento, mareos ou perda de conciencia, Sanidade recomenda chamar ao 061 e buscar axuda médica de inmediato.
VIXILANCIA ACTIVA ATA O 1 DE XULLO
Segundo as previsións facilitadas pola Xunta, estas condicións meteorolóxicas extremas poderían prolongarse ata o martes 1 de xullo, polo que se mantén a activación preventiva dos servizos sanitarios e de emerxencias nas zonas afectadas.
A administración autonómica fai un chamamento á cidadanía para seguir as indicacións oficiais e extremar as precaucións nas horas de maior exposición solar, especialmente en municipios do interior onde se están rexistrando as temperaturas máis elevadas.
Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
- Bañistas, surfeiros e o GES de Muros rescatan a catro persoas atrapadas na auga en Carnota
- Rescatan en parada cardiorrespiratoria a un home na desembocadura do Miñor
- Ourense chega aos 43 graos na fin de semana máis calorosa do ano en Galicia
- Un incendio forestal en Cuntis orixínase pola explosión dunha moto exposta ao sol
- Xuíces e fiscais inician folga de tres días contra as reformas de Bolaños
- Galicia activa alertas por calor e treboadas no segundo día da onda de calor