Atrasos no pago nun dos grandes concesionarios de Santiago

Representantes sindicais colgan pancartas en varios puntos da capital para denunciar a situación no Grupo Brea (Autos Brea, Brea Motor, Brea Móvil, Brea Hervés e Brea Automoción).

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/06/2016 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

A CIG-Industria de Compostela denuncian que desde hai uns catro anos hai “continuos atrasos nos pagamentos dos salarios aos traballadores e traballadoras do Grupo Brea”, un dos principais concesionarios de Santiago, que comercializa coches do grupo Volkswagen e Fiat, entre outros.

Faixa da CIG denunciando os atrasos no Grupo Brea
Faixa da CIG denunciando os atrasos no Grupo Brea

O secretario comarcal, Benedicto Blanco, asegura que colgou pancartas en denuncia desta situación en varios lugares da capital. O sindicato di que as pancartas poron descolgadas polo propio empresario, Pedro Hervés, “máis preocupado pola súa imaxe que por garantir os salarios do seu persoal”.

Blanco lembra que este empresario no ano 2014 xa estivo en preconcurso de acredores do que saíu a finais dese mesmo ano tras vender unha propiedade no polígono de Costa Vella, na que está ubicado Decathlon.

“Cando se vía vir a crise quixo ser o empresario máis forte de Compostela construíndo unha gran nave onde hoxe está Brea Motor hipotecando así os salarios e as indemnizacións dos traballadores e traballadoras, sen vender nada das súas propiedades sen pensar nas consecuencias que isto tería no futuro inmediato”, declara.

O resultado, segundo o secretario comarcal de CIG-Industria, foi que “levamos catro anos con continuos atrasos, traballadores/as que se teñen que desprazar todos os días para facer o seu traballo sen a garantía de cobrar a fin de mes e sen saber sequera cando van cobrar”.
Porén en lugar de preocuparse pola situación do seu persoal “dedícase a descolgar as pancartas en denuncia dos seus impagamentos”, denuncia Benedicto Blanco, quen lembra que “grazas aos beneficios que obtén dos traballadores Pedro Hervés si pode pagar todas as súas facturas a fin de mes”.

No grupo participan os coñecidos concesionarios Autos Brea, Brea Motor, Brea Móvil, Brea Hervés e Brea Automoción.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta