(Vídeo) A memoria do convento de Herbón, un lugar que sementou fe e pementos nas beiras do Sar

Á sombra dos carballos centenarios e co murmurio do río Sar como fondo, o convento franciscano de Herbón garda sete séculos de oración, memoria e semente: aquí detívose o tempo, prendeu a fe e agromou o pemento que hoxe define unha terra enteira.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/08/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Á beira do río Sar, onde a humidade o envolve todo e as árbores murmuran vellas pregarias, álzase o convento franciscano de Herbón, tamén coñecido como convento de San Antón de Herbón, no concello de Padrón. Non fai falta que soe unha campá nin que fale ninguén para sentir que este lugar garda algo sagrado. Hai espazos que non precisan dicir o que son: abonda con camiñar polo seu claustro ou escoitar o son da madeira baixo os pasos para entender que aquí o tempo detívose e, con el, unha parte da historia de Galicia. Este convento foi fundado no ano 1396 polos frades franciscanos Fray Gonzalo Mariño e Fray Pedro de Nemancos, e é un dos conventos máis antigos e significativos que ten a orde en Galicia. Esta orde mendicante nada no século XIII en Italia da man de San Francisco de Asís, caracterízase por levar unha vida humilde, o seu amor pola natureza e a súa proximidade ás comunidades.

Convento de Herbón
Convento de Herbón | Fonte: Turismo.gal

O nacemento do convento de Herbón non foi casual, senón a resposta a unha vontade de recollemento no medio da natureza, á beira do río, lonxe do ruído. Dende entón, este recuncho de pedra e silencio foi refuxio de oración, saber e traballo humilde. Fray Gonzalo Mariño e Fray Pedro de Nemancos buscaban vivir "na máis ríxida observancia", segundo recollen fontes históricas. Foi en maio de 1701 cando o convento deixou de ser unicamente lugar de introspección para adaptarse como Colexio de Misións, promovendo así a formación de frades destinados a evanxelizar en América. Esta función mantívose, de feito, ata a exclaustración --cando os frades foron obrigados a abandoar o convento durante o proceso de desamortización que atravesaba toda España--, en 1835. Os muros do convento conservan aínda o eco de séculos de vida monástica: as celdas austeras, a igrea sobria pero fermosa, a horta que aínda hoxe se cultiva con mimo, seguindo ritmos antigos.

FORON OS FRADES OS QUE INTRODUCIRON O PEMENTO EN HERBÓN, CHEGADO DE AMÉRICA

Durante as Guerras de Independencia, concretamente en 1809, as tropas napoleónicas asaltaron e saquearon o convento, obrigando aos frades a fuxir del. En 1823 o edificio foi mesmo empregado como cárcere para cregos liberais. No conxunto do edificio consérvase unha fonte de 1786 coa imaxe dun franciscano orando, que dá a benvida ao visitante e emana unha quietude palpable no atrio, coma se neste lugar nunca tivese acontecido nada disto. Aquí, o tempo non só se contempla: trabállase con el, respectase. Pero si Herbón é coñecido máis aló dos seus muros relixiosos é por outro milagre, este máis terreal: o do pemento. Foron precisamente os propios frades franciscanos quen, entre os séculos XVI e XVII e tras regresar das súas misións, trouxeron dende América --probablemente dende Tabasco, México-- as primeiras sementes do que sería un dos productos máis emblemáticos de Galicia: o pemento de Herbón.

Cultivado con esmero nas fértiles terras da contorna --unha tradición que se transmitiu durante séculos e que hoxe en día conta con Denominación de Orixe Protexida--, o pemento medrou e adaptouse ata formar parte da alma do lugar. Este froito namorou á comarca enteira --e hoxe ao mundo--, dando lugar ao famoso dito 'uns pican e outros non'. Ademais, o produto é protagonista da Festa do Pemento de Herbón, celebrada cada primeiro sábado de agosto dende 1978 e declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Durante séculos, foron os propios frades quen cultivaron e melloraron o cultivo do pemento, espallándoo pouco a pouco entre os veciños da parroquia. Hoxe, o convento e o pemento son inseparables: un simboliza a herdanza espiritual; outro, a herdanza agrícola.

Convento de Herbón
Convento de Herbón | Fonte: Sementar - Arquivo

DECLARADO BEN DE INTERESE CULTURAL NO 2013, CONTA CUNHA CARBALLEIRA CENTENARIA

O convento de Herbón é, ademais, un espazo de cultura e de memoria. Nas súas estancias consérvanse documentos antigos, esculturas e retablos que sobreviviron ao paso do tempo, guerras, expolios e esquecementos. En 1865, o Arcebispado converte este convento nun seminario menor, función que mantivo ata 1884. Entre 1885 e 1889 houbo un breve retorno dos franciscanos e, dende 1891 --segundo algunhas fontes-- ata hoxe, Herbón retoma a súa condición como Seminario Franciscano, formando a relixiosos e mantendo viva a tradición eclesiástica. A súa arquitectura, aínda que modesta, respira beleza: o claustro cadrado, con columnas sinxelas; a igrexa dunha soa nave con cuberta de madeira; os xardíns que se abren á carballeira e á brétema. Dende 1931 ata 1995, o convento funcionou como colexio acollendo a nenos e mozos de toda Galicia, combinando a semente espiritual coa educacional, ata que as vocacións foron minguando e esta etapa pechouse.

Neste lugar todo fala un idioma lento, fondo. Hoxe, cando tantas voces claman pola recuperación do esencial, o convento de Herbón ofrécesenos como exemplo. E é que hoxe, ademais da pequena comunidade franciscana, o convento acolle tamén aos peregrinos que fan o Camiño Portugués e traballa en recuperar o claustro e outras zonas como biblioteca, trala súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) no 2013. Aquí non hai présa, non hai ruído, non hai artificio. Hai historia, hai terra, hai oración. Hai Galicia. E, ao pé do convento, coma unha prolongación natural do seu espírito, ábrese unha carballeira con carballos centenarios que garda a memoria de romarías, festas e oracións baixo a sombra verde do verán galego.

Convento de Santo Antonio de Herbón
Convento de Santo Antonio de Herbón | Fonte: Santiago Turismo - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta