Por Claudia Varela Lourido | A CORUÑA | 28/07/2025 | Actualizada ás 22:00
A torre de Bendaña do pazo de Dodro ou as figuras escultóricas de Abraham e Isaac forman parte do amplo abano de elementos artísticos espoliados que descansan no Pazo de Meirás. A escasos metros da residencia habitual da familia Franco durante o veráns, existe unha pequena vivenda labrega que atrae as miradas de todos os que pasan por diante dun dos inmobles máis simbólicos da ditadura franquista. Este inmoble, popularmente coñecido como a Casa das Cunchas, segue pertencendo á familia Franco, xa que o proceso polo que a ditadura se fixo con ela foi substancialmente distinto ao do resto de parcelas que foron expropiadas.
Está de actualidade a recente devolución das estatuas dos profetas Abraham e Isaac ao patrimonio do Concello de Santiago. Estas figuras escultóricas forman parte dunha extensa rede de “obsequios” que a familia Franco recibiu, para logo ser trasladadas á capela do Pazo de Meirás. Abraham e Isaac xa volveron á casa, pero na Casa das Cunchas todavía residen outros elementos artísticos que foron apartados do seu lugar de orixe. Este é o caso dos frisos graníticos ubicados nesta vivenda, que teñen amplas semellanzas coas escenas representadas na igrexa de Santa María de Muxía. O historiador Javier García Gómez, no artigo “Capitel do Calvario de Santa María de Muxía. Paralelismos e semellanzas dun elemento único”, recollido na revista Nalgures (Tomo XXI), afirma que a semellanza destas pezas é unha “coincidencia que vai máis alá dunha simple casualidade”.
A prensa da época daba conta das visitas de Carmen Polo pola xeografía galega, así como do traslado doutros elementos que tamén se poden atopar hoxe no Pazo de Meirás. É o caso das dúas pías de granito procedentes de San Xián de Moraime que hoxe cumpren a función de maceta. “Por sorte, a procedencia e o traslado destas pezas está sobradamente documentado, polo que a súa recuperación semella producirase nun tempo que esperemos sexa breve”, afirma García Gómez.
É moi posible, segundo apunta García Gómez, que sexa difícil “restablecer o lugar de procedencia que lles corresponde” a estes frisos, xa que non hai suficiente documentación que acredite o traslado. “Como veremos de seguido na súa descrición, estes obxectos de gran valor patrimonial procederían, conforme a nosa hipótese de traballo, da zona de Muxía e a súa contorna próxima”, mais non se pode afirmar nada con rotundidade, debido á ausencia de fontes primarias que acrediten dita semellanza.
“A idéntica factura esquemática e arcaísmo presente nas pezas analizadas condúcenos, baixo a nosa interpretación, a concluír que estamos diante de elementos escultóricos cunha procedencia común, un mesmo artista canteiro ou un taller de época medieval situado no entorno xeográfico da vila de Muxía”, cita García Gómez no seu artigo. Non obstante, non lle dá unha dimensión concluínte, senón que agarda próximas investigacións que permitan acreditar a procedencia exacta destes frisos e a súa reubicación no seu lugar de orixe.
O actual estado de abandono da Casa das Cunchas e, por conseguinte, dos frisos dos Calvarios --que posúen un gran valor escultórico e simbólico--, incentiva a progresiva perda e degradación dunha parte do patrimonio material galego. A situación de moitos elementos arquitectónicos rapinados pola ditadura franquista, nomeadamente a dos frisos dos Calvarios, contribúe ao abandono progresivo dunha cultura material que moitos loitaron por preservar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.