Teresa, unha vida no Camiño: "Aquí estarei ata os meus últimos pasos"

Teresa, pioneira no comercio do Camiño, leva case 40 anos no Monte do Gozo. Criou soa aos seus catro fillos e segue traballando coa mesma paixón.

Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 25/07/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

No Monte do Gozo, a un paso de Compostela, entre mochilas, cunchas e recordos de prata, está Teresa. Leva case 40 anos traballando ao pé do Camiño, vendo pasar milleiros de peregrinos, cambiando co tempo pero sempre fiel á súa maneira de facer: cercana, honesta e comprometida cunha tradición que hoxe está ameazada pola comodidade e o turismo rápido.

Teresa, pioneira no negocio do Camiño
Teresa, pioneira no negocio do Camiño | Fonte: Elena González

“O pai dos meus fillos estaba embarcado e tiña problemas coa droga. Eu quería outra vida para eles, así que comecei soa, cunha mesiña onde vendía cunchas, chaveiros e panos de cociña, ao carón de onde teño agora a miña tenda no Monte do Gozo”, conta. Teresa é unha das pioneiras do comercio vinculado ao Camiño. Desde entón, foron catro os negocios que montou ao longo das rutas xacobeas "cando puiden montei unha ao paso do Camiño portugués, pero daquela aínda estaba comezando, agora está fermoso", explica. O seu fillo, que agora leva un albergue, comezou a axudala cando tiña só dez anos.

Co paso dos anos, as súas tendas medraron en tamaño e variedade: “Agora teño de todo: xoiería, sudadeiras, prata... Non hai unha tenda tan completa como esta en Santiago.” E non é presunción. Teresa coñece ben o que vende e, sobre todo, coñece á xente á que lle vende. Fala cos peregrinos, escoita as súas historias, recoñéceos anos despois, e mesmo baila con eles. “Un mexicano veu un día, mercoume prata e, durante a festa que fixeron aquí no hostal, bailamos. Quince anos despois volveu cunha foto daquela noite. Quedei morta da risa.”

Pero non todo foron momentos doces. “Hai cousas que che parten a alma. Unha vez uns pais deixaron dous nenos e marcharon. Os cativos estiveron seis horas sentados á mesa. Eu pensei que os esqueceran.” Teresa, que criou soa aos seus catro fillos, non entende esa forma de facer. “Un fillo é sagrado", explica.

O CAMIÑO QUE MUDA

Cando Teresa comezou, os peregrinos viñan con pouco. “Durmían en tendas de campaña, en palleiros… pero eran outros tempos. Agora hai máis comodidades, pero tamén máis queixas.” Recoñece que hai quen protesta pola cantidade de xente ou porque os peregrinos pasan polas fincas. “Ata se fala de facer o Camiño en autobús! Pero iso non é peregrinar. O Camiño é para camiñar", defende. 

A evolución do turismo tamén se nota nas vendas. “Antes todo o mundo levaba un botafumeiro, unha cabaza, unha catedral… agora só levan o xusto para eles: unha sudadeira, unha pulseira e pouco máis.” Teresa lamenta que se estea a perder o valor simbólico e espiritual dos obxectos. “Xa nin saben o que son as cabazas ou os botafumeiros. Unha señora preguntoume se a calabaza eran ovos!”

Explica Teresa que a calabaza era un recipiente tradicional, “antes eran de catro litros e levaban alí toda a bebida para o camiñante, porque non había cantimploras como agora. Servía para gardar a auga ou o viño, e levábana á cintura ou colgada para beber durante o camiño.” E engade que a cuncha, ese símbolo tan emblemático do Camiño, tamén era fundamental: A cuncha non só servía para beber na fonte, senón tamén para ducharse no río. Antes non había esas comodidades, polo que a cuncha era un utensilio imprescindible, sen cunha non hai peregrino.”

APEGADA Á TERRA E Á XENTE

A pesar da idade (75 anos), Teresa segue traballando cada día, coa axuda de dúas rapazas. Faino porque quere, porque o goza, porque lle dá sentido á súa vida. “Encántame o Camiño. Encántame a miña tenda. Son feliz aquí, entre a xente. É o meu mundo.” E remata con esa forza que a caracteriza: “Mentres poida, seguirei aquí. Estou activa, estou no meu. E como isto é meu… aquí estarei ata os meus últimos pasos.”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta