O xuíz do 'caso Koldo' ordena a retirada do pasaporte a Pardo de Vera e Herrero

Ambos están investigados por delitos como malversación e tráfico de influencias nunha presunta trama de adxudicacións fraudulentas de obra pública.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/07/2025 | Actualizada ás 10:21

Comparte esta noticia

O xuíz da Audiencia Nacional que instrúe o 'caso Koldo' tomará declaración este luns, a partir das 11:00 horas, á expresidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e ao exdirector xeral de Estradas, Javier Herrero, como investigados por presuntos delitos de organización criminal, tráfico de influencias, malversación, prevaricación e suborno.

A expresidenta de Adif e ex secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera Posada, durante a súa comparecencia ante a Comisión de Investigación sobre o caso Koldo, no Senado, a 29 de maio de 2025, en Madrid
A expresidenta de Adif e ex secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera Posada, durante a súa comparecencia ante a Comisión de Investigación sobre o caso Koldo, no Senado, a 29 de maio de 2025, en Madrid | Fonte: Jesús Hellín - Arquivo

Segundo a providencia á que tivo acceso Europa Press, o maxistrado Ismael Moreno decidiu citar a ambos tras recibir indicios do Supremo que apuntan á súa implicación na trama de adxudicación fraudulenta de contratos de obra pública, supostamente encabezada polo exdirixente socialista Santos Cerdán.

No caso de Pardo de Vera, tamén se investiga a contratación "irregular" de Jésica Rodríguez, exparella do exministro José Luís Ábalos. As pescudas da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil levaron ao rexistro dos domicilios dos dous investigados o pasado 26 de xuño, onde se interviñeron probas dixitais e documentos, entre eles un relacionado coa compra de cinco millóns de máscaras. Nunha das gravacións achegadas ao caso, escóitase a Koldo García pedir a Pardo de Vera que adxudicase unha obra á empresa LIC.

Malia a súa reticencia inicial por xa ter sido beneficiada recentemente, a presidenta de Adif comprometeuse a "miralo", e un mes despois, LIC obtivo unha obra de emerxencia en Asturias por case 600.000 euros. Ademais, hai evidencias de que Koldo tiña acceso a información privilexiada sobre licitacións, como nun proxecto de alta velocidade en Estremadura, no que manifestou o seu malestar pola puntuación obtida por Acciona.

En paralelo, Javier Ferrero aparece vinculado á concesión reiterada de contratos a petición de Koldo, favorecendo empresas como Acciona, LIC e OPR. Unha mensaxe de WhatsApp entre ambos, en abril de 2019, celebra a adxudicación dun contrato de 92,4 millóns a unha UTE formada por Acciona e Aquaterra. As investigacións tamén recollen o seu interese en proxectos como a ponte do Centenario en Sevilla e diversas obras en autovías, mesmo chegando a xerar conflitos co entón secretario de Estado Pedro Saura.

Segundo o xuíz, Herrero facilitaría información dos expedientes ou adiantaba procesos seguindo as indicacións do ministro transmitidas por Koldo. No relativo á contratación de Jésica Rodríguez, o instrutor sospeita que foi unha manobra irregular impulsada por Ábalos e executada por Pardo de Vera, cando presidía Adif. Rodríguez foi contratada por dúas empresas públicas (Ineco e Tragsatec), quedando adscrita á presidencia de Adif, sen desempeñar ningunha función concreta segundo declarou ela mesma como testemuña. A pesar diso, cobrou un salario durante dous anos e medio.

O xuíz considera que existen indicios suficientes para investigar esta contratación como posible malversación de fondos públicos e tráfico de influencias. A causa continúa na Audiencia Nacional, agás a parte que implica directamente a Ábalos, que permanece no Tribunal Supremo por mor da súa condición de aforado.

RETIRADA DO PASAPORTE PARA PARDO DE VERA E HERRERO

O xuíz da Audiencia Nacional (AN) que instrúe o 'caso Koldo' acordou a retirada do pasaporte e a prohibición de saír do país para a expresidenta de Adif Isabel Pardo de Vera e o ex director xeral de Estradas Javier Herrero, tras as súas declaracións este luns como imputados na causa.

En senllos autos, aos que tivo acceso Europa Press, o xuíz instrutor decidiu adoptar esas medidas a petición da Fiscalía Anticorrupción, despois de tomarlles declaración esta mañá como investigados en relación coa presunta comisión de irregularidades na adxudicación de contratos de obra pública.

DECLARACIÓNS DE PARDO DE VERA

A ex presidenta de Adif Isabel Pardo de Vera compareceu este luns como imputada polo 'caso Koldo' para declarar, por unha banda, sobre os presuntos amaños de obra pública, dos que se desvinculou; e, por outro, sobre a suposta contratación "irregular" de Jésica Rodríguez, ex parella do ex ministro de Transportes José Luís Ábalos, en dúas empresas públicas, confesando que sabía que estaba contratada en Ineco pero asegurando ao mesmo tempo que a "utilizaron", precisando que cando foi consciente da relación da moza co entón ministro falou con el porque a situación non era ética.

Fontes xurídicas consultadas por Europa Press indican que así se manifestou Pardo de Vera en aproximadamente unha hora de declaración, na que contestou á súa defensa e ao fiscal anticorrupción, ante o titular do Xulgado Central de Instrución Número 2, Ismael Moreno, que investiga o 'caso Koldo', fóra do estritamente vinculado a Ábalos, que é competencia do Tribunal Supremo pola súa condición de aforado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta