Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/07/2025 | Actualizada ás 11:11
A CIG-Ensino cualifica de “burla” para o profesorado o Plan de simplificación burocrática da Consellaría. Asegura que a maioría das medidas anunciadas van implicar que o traballo recaia nas persoas administradas e que quen máis se verá beneficiada é a propia administración, pero non así nin profesorado, nin alumnado, nin familias. Ademais bota en falta para poder ponderar a relación custe/obxectivos a canto vai ascender a implantación deste plan, dado que con esa partida podería incrementarse a contratación de máis persoal nos centros educativos.
“O primeiro que sorprende”-afirma a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo- é a capacidade da Consellaría para cuantificar o número de horas que unha docente vai ver reducido no seu traballo burocrático”. Unha cifra que, segundo Rueda, vai significar un total de 120.000 horas por curso académico. Redondeando o número de docentes a 30.000, aínda que contando o persoal interino e substituto o que está en activo sempre é superior, daría unha media de 4 horas de redución nun curso por cada profesional, “o que é igual a nada”, en opinión de Arroxo.
Porén, segundo o sindicato, un dato que non deu o presidente é canto vai custar este plan até 2027 e como se vai executar, se coa subcontratación de servizos externos á administración ou con recursos propios. "Sorprende que no mesmo Consello da Xunta si cuantificara canto vai custar outro plan semellante que vai licitar o SERGAS, en concreto 1,3 millóns de euros, polo que está claro que hai unha maior opacidade por parte da Consellaría de Educación sobre como se vai desenvolver", indica. Para Arroxo é moi necesario coñecer estes detalles “porque ao mellor coa cifra que se vai destinar non se aforra moito e si se podería contratar todo o persoal que demandan actualmente os centros para un mellor funcionamento”.
APLICACIÓN PROFESORADO SUBSTITUTO
Sobre o anuncio estrela da aplicación para a xestión de substitución, incide en que isto non supón menos burocracia para o persoal docente, senón menos traballo de xestión para a Consellaría e que, polo tanto, non debera encadrarse neste plan. “O uso de plataformas de contratación é moi común noutras administración e o estraño é que a Xunta venda este sistema como un avance revolucionario. É máis”, -destaca Arroxo-, “chama a atención que nas súas declaracións Rueda diga que vai evitar que as persoas interesadas teñan que estar pendentes do teléfono”, á vez que se pregunta “onde van consultar entón este aplicativo e como se vai evitar que os problemas de cobertura aínda existentes en Galiza non discriminen o persoal que vive no rural”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.