Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2025 | Actualizada ás 15:55
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, acusou ao Goberno central de non convocar ao Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) para trasladar información para a elaboración dos distintos teitos de gasto por unha "causa evidente", que ao seu xuízo é o "evitar custe o que custe a foto" de comunidades autónomas en contra da "cota" catalá. "Deberiamos estar neste momento coa noticia dunha convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira que indicase información precisa para elaborar os teitos de gasto, que temos que estar a estimar cos medios de que dispomos, sen información do Goberno central", criticou, en declaracións remitidas aos medios de comunicación.
Nelas, censurou que, na súa opinión, "non se fai por unha causa evidente", e é "pola oposición total de todas as comunidades de réxime xeral á proposta de cota que se acaba de facer por parte do ministerio". Para o titular de Facenda, "esta oposición, esta foto, quérese evitar custe o que custe" e por iso témese que non haberá esa convocatoria de verán. "Galicia, de todos os xeitos, aínda que non se convoque, segue traballando nos orzamentos para 2026 e presentaremos eses pasos previos en tempo e forma como adoitamos facer todos os anos", avisou.
Respecto diso, expresou que "resulta sorprendente que cando se están tramitando xa os primeiros pasos para a elaboración dos orzamentos do ano 26" na comunidade galega "estea a falarse da aprobación dos pagos das entregas a conta do ano 25". "Esta diferenza de pagos, este seis meses de atraso nas contías que corresponden a Galicia, supuxeron 125 millóns de euros cada mes de perda de ingresos para as arcas da facenda pública autonómica. Case 900 millóns no acumulado", lembrou, en referencia aos cálculos do Executivo galego. Neste sentido, insistiu nos "importantes custos de financiamento" que iso supuxo, porque eses recursos "eran precisos para pagar aos provedores" e a Xunta "está a pagar en intereses máis de 7 millóns de euros a día de hoxe por este atraso".
Son "ingresos que correpsonden á comunidade" ao ser "a parte dos tributos cedidos que corresponden á comunidade", os que "pagan os galegos e deben financiar a facenda autonómica", incidiu. E, por último, cargou contra que "o Goberno, arbitrariamente e como mostra do seu fracaso ao ser incapaz de aprobar uns orzamentos, non está a ingresar nas comunidades" estes fondos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.