Temas: VELLEZ

Galicia envellece cada vez máis rápido

Presenta o peor saldo vexetativo en 2015, con 12.269 mortes máis que nacementos. A media de esperanza de vida é de 82,7 anos

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/06/2016 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

Galicia envellece a un ritmo moi rápido, tanto, que de seguir a tendencia pode converterse nunha das autonomías máis envellecidas do Estado. E é que a diminución da poboación en Galicia volveu acentuarse o ano pasado, cando a comunidade presentou o peor saldo vexetativo por comunidades autónomas, con 12.269 mortes máis que nacementos, segundo o balance provisional do movemento da poboación que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Galicia é unha das zonas máis envellecidas do Estado
Galicia é unha das zonas máis envellecidas do Estado | Fonte: elconfidencial.com

Aínda que a comunidade galega rexistrou o segundo menor descenso dos alumeamento en taxa anual, tras baixar un 1,1% en 2015 respecto a 2014, ata 19.412; do lado contrario situouse en undécimo lugar en canto a incremento das defuncións, que subiron un 5,9%, ata 31.681.

Así as cousas, Galicia obtivo o pasado exercicio a terceira menor taxa bruta de natalidade por comunidades, de 7,1 nacementos por cada 1.000 habitantes. A taxa bruta de mortalidade deixa á comunidade galega en posicións de liderado, en terceiro lugar pola cabeza, con 11,6 defuncións por cada 1.000 habitantes.

Só Asturias (6,2 por cada 1.000) e Castela e León (7 por cada 1.000) teñen unha taxa de natalidade máis baixa que a galega, e unicamente, de novo, estas dúas comunidades (con 13 e 11,9 por cada 1.000, respectivamente) presentan taxas de mortalidade máis elevadas.

82,7 anos de esperanza de vida

Mentres, a esperanza de vida dos galegos é exactamente a mesma que a media, de 82,7 anos, nunha posición intermedia entre os 84 de Madrid e os 81,4 de Andalucía.

No conxunto estatal, a diminución da poboación en España volveu acentuarse o ano pasado cando por primeira vez dende que hai datos anuais, rexistrou un crecemento vexetativo negativo, é dicir, morreron 2.753 persoas máis das que naceron.

O ano pasado naceron en España 419.109 persoas fronte ás 422.276 que morreron. Descontando os nacidos e defuntos non residentes no país, queda un saldo negativo de 2.753 persoas, "a primeira vez que isto sucede dende que se dispón de datos anuais".

Temas: VELLEZ
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Haberá que ir morrendo, logo...? O caso sería chegar aló coa mínima calidade de vida que permita manter A DIGNIDADE HUMANA !