Zara retira anuncios de dúas modelos con "delgadez pouco saudable"

Isto tras un aviso da autoridade publicitaria de Reino Unido (Advertising Standards Authority) que consideraba que os anuncios son "irresponsables" por contar cunha "delgadez pouco saudable".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2025 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

Zara retirou anuncios de dúas modelos que saían nunha campaña na súa web, en maio de 2025, tras un aviso da autoridade publicitaria de Reino Unido (Advertising Standards Authority) ao considerar que son "irresponsables" por contar cunha "delgadez pouco saudable". Nun comunicado, a Advertising Standards Authority (ASA) explica que Zara accedeu a eliminar estas imaxes despois de recibir a queixa. Non entanto, a empresa téxtil alega que estas modelos traballaran para marcas de moda coñecidas.

Zara
Zara | Fonte: ZARA - Arquivo

Tamén defende que para as súas contratacións de modelos segue as recomendacións do informe 'Fashioning a Healthy Future (Creando un futuro saudable)' que establece que estas profesionais deben presentar un certificado médico que acredite o seu bo estado de saúde, expedido por médicos con experiencia no recoñecemento de trastornos alimentarios, extremo este cumprido. Aínda que a ASA dá o visto e prace a algunha das imaxes, pon reparos a anuncios que considera "irresponsables" debido a que "o estilismo, a iluminación da imaxe e a elección da roupa daban a impresión de que a modelo era delgada de forma pouco saudable". 

Entre outros motivos, a autoridade publicitaria de Reino Unido reproba que "a clavícula da modelo sobresaía visiblemente" ou que levaba o pelo recolleito nun moño cara atrás, "o que resaltaba a súa cabeza e a facía parecer lixeiramente demacrada". Por tal motivo, os anuncios "non deben volver aparecer na forma denunciada". Trasládase a Zara que ten que asegurar que "as imaxes dos seus anuncios se preparen de maneira responsable e non amosen ás modelos como persoas anormalmente delgadas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta