Arde Galicia.- Esta vaga de incendios é a peor desde 1989 tras arder xa máis de 125.000 hectáreas

A magnitude dos incendios supera xa as 125.000 hectáreas queimadas, mentres que en 1989 arderon case 200.000 hectáreas. Espazos naturais como Pena Trevinca están calcinados e o lume xa entrou na serra do Invernadoiro e, novamente, no Courel. A Xunta insiste en pedirlle medios ao Goberno central.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/08/2025 | Actualizada ás 22:32

Comparte esta noticia

O verán de 2025, e concretamente, o mes de agosto de 2025, será recordado durante moito tempo. E non para ben. No que vai de mes xa arderon máis de 125.000 as hectáreas en Galicia, mentres que o cómputo global en España supera as 382.000 hectáreas neste mesmo mes. Son datos que nos retrotraen a hai máis de 35 anos, a 1989, cando en Galicia arderon case 200.000 hectáreas.

Mapa de incendios forestais rexistrados en Galicia, segundo o sistema de información europeo Copernicus, a 18 de agosto de 2025.. EFFIS-COPERNICUS
Mapa de incendios forestais rexistrados en Galicia, segundo o sistema de información europeo Copernicus, a 18 de agosto de 2025.. EFFIS-COPERNICUS

Así, segundo os datos publicados polo servizo (European Forest Fire Information System, EFFIS) da UE, desde principios de agosto rexistráronse en Galicia decenas de incendios, aínda que os de maior entidade afectaron e seguen afectando á provincia de Ourense. Deste xeito, na provincia ourensá os lumes arrasaron máis de 122.000 hectáreas de terreo só no que vai de mes de agosto; mentres que na provincia de Pontevedra resultaron afectadas unhas 1.300 hectáreas. Na Coruña, o lume queimou 1.163 hectáreas e en Lugo algo máis de 600. Uns datos que non coinciden cos da Xunta que rebaixa esta cifra a 70.000 hectáreas. 

A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, foi moi precisa este luns no que respecta ao número de lumes forestais rexistrado desde o 1 de agosto. Así, a día 18, concretou que, no que vai de mes, Galicia rexistrou un total de 492 incendios. Así o trasladou en declaracións á Cadea SER, recollidas por Europa Press. "Cada día aparecen 30 novos incendios en Galicia, de 30 a 35 incendios diarios que se apagan practicamente todos eles", transmitiu.

No conxunto do Estado son un total de 382.607 hectáreas as que arderon no que vai de ano, segundo cifras do Sistema de Información de Incendios Forestais da Comisión Europea (EFFIS, polas súas siglas en inglés) de Copernicus.  Se se confirman estas cifras, 2025 sería o ano con máis hectáreas queimadas na última década superando mesmo a 2022, ano tamén de graves incendios no que arderon máis de 200.000 hectáreas ata agosto.

INCENDIO MÁIS GRAVE

O incendio que permanece activo no municipio ourensán de Larouco, que cruzou o Sil por varios puntos ata pasar á provincia de Lugo, bateu este luns unha tráxica marca, superando a superficie queimada en Chandrexa de Queixa e converténdose, con 18.000 hectáreas arrasadas polo momento, no maior incendio forestal da historia de Galicia.

Incendio en Pena Trevinca, desde o visor Copernicus, a 18 de agosto de 2025.. COPERNICUS
Incendio en Pena Trevinca, desde o visor Copernicus, a 18 de agosto de 2025.. COPERNICUS

ESPAZOS NATURAIS ARRASADOS

Esta vaga de lumes vai ser recordada por ter arrasado variosespazos de moito valor ecolóxico, especialmente, a serra do Invernadeiro e o biduiral de Montederramo. Tamén Pena Trevinca, onde se ubica o pico máis alto de Galicia ardeu e tamén están ameazadas as montañas do Courel.

Un lume que comezou en León encamiñouse cara a Pena Treinca, a zona da Lagoa da Serpe, Pena Negra, Pena Surbia, O Lombo de Rocín e o Teixadal de Casaio, o bosque máis antigo de Galicia. "Isto arde tanto porque non hai medios. Entendemos que é unha zona de difícil acceso. Seguro que, en condicións normais e con medios, logrouse apagar e non quedase nada", asegura o guía no Territorio de Trevinca Juanjo Lorenzo, que indica que a situación se agravou polas escasas choivas habidas desde xuño.

Para o tamén enxeñeiro de Montes o efecto do lume que queima Pena Trevinca é unha "ferida fonda e importante na nosa cultura". Compárao con, se nun hipotético caso, "por un terremoto ou, por un caso, caera a Catedral de Santiago". Ademais, advirte de que repercutirá nos negocios como o seu que viven de promocionar "un destino de natureza, nunha zona case --entre comiñas-- virxe".

NIÑOS DE AGUIA REAL EN O COUREL

Por outra banda, o incendio orixinado en Larouco avanza cara a O Courel, desde Quiroga, e xa afecta á parte das montañas comprendida neste municipio; principalmente, ao val do río Soldón, segundo indica o concelleiro de Medio Ambiente, Luís Manuel Arias. O avance das chamas na xornada do domingo chegou ata O Montouto, unha zona onde aniñan as aguias reais, que están protexidas.

BIDUEIRAL DE MONTEDERRAMO E O INVERNADOIRO

Así mesmo, o incendio de Montederramo afectou ao seu Bidueiral, segundo trasladan fontes de brigadistas. En canto ao Parque Natural de Invernadeiro, e a pesar de que a Consellería do Medio Rural --preguntada por iso-- non puido confirmar se o incendio xa afectou ao espazo natural, o sistema Copernicus mostra que xa calcina unha parte del. Ante o avance do incendio conxunto de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, a Consellería do Medio Ambiente declarou obras de emerxencia en O Invernadoiro para a utilización de máquinas pesadas para mellorar as devasas perimetrais.

OS BRIGADISTAS NON SE RENDEN: "IMOS PELEXALO TODO O QUE PODAMOS"

A provincia de Ourense continúa afrontando unha segunda semana de incendios, con máis de 60.000 hectáreas calcinadas e numerosos focos activos, mentres brigadistas e bombeiros loitan sen suficientes medios. Tomás Omil, da Base Helitransportada de San Xoán de Río, describiu a situación como "complicada" e destacou a dureza de sobrevoar zonas afectadas e ver pobos rodeados polas chamas, así como o impacto persoal de presenciar a destrución das casas de compañeiros e veciños.

Moitos brigadistas e bombeiros continúan colaborando fóra das horas de servizo, atendendo avisos directos de Protección Civil e habitantes das áreas afectadas. Os veciños, especialmente na Rúa, atopanse incomunicados, sen luz e con dificultades de comunicación, transmitindo preocupación e incerteza ante a evolución do lume. Omil subliña a necesidade de "cabeza fría" e de non poñerse en perigo, recomendando que as persoas que desexen axudar o fagan principalmente mediante a recollida de alimentos e materiais.

OS INCENDIOS DE OURENSE MELLOR

A Xunta de Galicia sinalou este luns que a evolución do nove incendios que afectan á provincia de Ourense "vai un pouquiño mellor", aínda que insistiu en que son necesarios máis medios e demandou un "esforzo" ao Goberno central para que achegue máis recursos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Alguén podería subir unha ligazón aos datos do satélite Copernicus ? Por máis voltas que lle dín non son quén de atopar eses mapas e eses datos do Copérnicus ! Será que cada día os accesos á información son máis restrinxidos ou que non temos cualificación para acceder a eles ? A ver se algún alma caritiva ten a ben darnos un cursiño de Copérnicus ? Obrigado !

1 José Manuel
recente

https://forest-fire.emergency.coper... Activar "MODIS" e "VIIRS (all)".