Un gandeiro que perdeu todo nos incendios: “Isto foi unha película de terror. Todo o que ven os meus ollos está arrasado”

Carlos Atanes, gandeiro do concello de Monterrei, perdeu a súa granxa por mor dos lumes. Esta é a súa historia de rabia e impotencia.

Por Claudia Varela Lourido | OURENSE | 25/08/2025 | Actualizada ás 22:01

Comparte esta noticia

Os lumes que levan 15 días asolando Galicia deixan unha imaxe desoladora de moitas localidades galegas. Nos concellos de Monterrei e Cualedro, todo o que ven os veciños ao seu arredor quedou completamente arrasado polas lapas. Carlos Atanes, veciño de Monterrei e gandeiro, lembra que o día 12 de agosto comezou o lume: "Tiña unha virulencia tremenda e empezou a subir pola serra. En nada meteuse no meu pobo, Guimarei, e a primeira edificación que hai é a miña granxa".

O interior da granxa de Carlos Atanes ardendo
O interior da granxa de Carlos Atanes ardendo | Fonte: Cedida

Dous lumes flanquearon a granxa de Carlos, un por arriba e outro por abaixo. Todos os veciños que trataban de salvala foron marchando porque as lapas cada vez estaban máis preto e, pouco a pouco, Carlos e a súa muller quedaron sós, loitando ata que non puideron máis. "A última imaxe que teño é cando o lume saltou ás alpacas e tivemos que marchar, deixando a nave chea de fume. O único que fixen foi abrirlle as portas ás becerras para ver se se salvaba algunha", lembra Carlos.

Subidos no tractor, marcharon e deixaron o lume atrás. "Foi como unha imaxe de película, de repente aparecimos no medio do fume e vimos ao meu fillo chorando, a miña nai e ao resto da familia completamente derrumbados, pensando que nos ían perder". A partir dese momento, viñeron varios días de apatía e baleiro. Dous días máis tarde, Carlos decidiu subir á granxa a ver como quedara todo despois do incendio. "Bordeando a primeira curva, xa vin dúas vaquiñas saltando e, de golpe, xa as vexo aí a todas na entrada. Salváronse todas. Eu, que me considero forte, rompín a chorar como un meniño".

O POBO, UNHA VEZ MÁIS, SÓ ANTE AS LAPAS

Na granxa de Carlos, así como na da súa irmá e a da súa curmá, foron eles, axudados dos veciños, os que se puxeron diante do lume e loitaron ata non poder máis. "Nin na miña granxa, nin na da miña irmá apareceu ninguén. Viñeron os bombeiros de Ourense cando xa o tiñamos controlado, e marcharon porque estaban ardendo outras dúas casas". Afirma Carlos que parecía que o lume tiña mente propia: "daba a sensación de que era un ente supremo que xogaba con nós como lle daba a gana". En función do aire, ía e volvía, incansable, desprendendo desolación por onde pasaba, a unha "velocidade terrible".

O interior da granxa de Carlos Atanes, en Ourense
O interior da granxa de Carlos Atanes, en Ourense | Fonte: Cedida

Correndo dun lado para outro, Carlos e os veciños conseguiron salvar o pobo de Santa Baia de Montes. A súa granxa quedou arrasada, pero foi moito peor o incendio na granxa da súa curmá, Avelina: "alí ardeu todo e é esa granxa é moito máis custosa que a miña". Nesa granxa de pitas, o lume entrou e arrasou. 19.000 galiñas mortas e unha familia desolada. "Aquí tampouco veu ninguén, estivemos sós durante todo o tempo que o lume estivo activo", sentencia Avelina.

"Isto foi unha película de terror. O lume recorreu toda a comarca e volveu ao inicio. Agora o que toca é rematar con isto e logo que actúen os que teñen que actuar. Todo o que ven os meus ollos agora mesmo está arrasado. A serra de Infesta, a serra de Alvarellos, a serra de Vilar de Cervos, a serra de Vilar de Vós, a serra de Oímbra, a serra de Cualedro. Está todo devastado". Carlos todavía non asimilou todo o que aconteceu, pero se algo ten claro é que agora o máis importante é saír adiante.

Afirma Emilio Aguete, Xefe de Servizo dos Bombeiros de Maceda, que unha medida a ter en conta por parte da cidadanía é "colaborar en labores de prevención durante todo o ano e, en momentos críticos, poñerse a disposición a través do Concello". Ao final, a colaboración cidadá foi clave para poder xestionar os lumes, desempeñando un papel moi importante "na intervención, xa sexa colaborando cos equipos de extinción no manexo de mangueiras ou batelumes, como tamén poñendo a disposición os seus propios medios, desde tractores con cisternas ata a vixilancia para detectar posibles reactivacións ou novos focos de lume".

 

OLLANDO CARA AO FUTURO

"Agora mesmo teño unha sensación moi grande de tirar a toalla. Isto foi un pau grandísimo para toda a comarca", lamenta Carlos. El era o único gandeiro que quedaba no concello de Monterrei, e se finalmente decide abandonar, non quedará ninguén que coide dos montes. "Se non hai un liderazgo colectivo e axudas por parte das institucións, eu marcho, porque isto é unha inversión moi grande". O amor que Carlos lle ten ao rural conseguiu transmitirllo aos seus fillos, pero afirma que hai que agora toca ser realistas.

Reflexionando sobre as causas destes lumes, Carlos insiste nun concepto: a ordenación do territorio. "Ten que haber prevención e extinción. Pero creo que o máis importante é a ordenación do territorio. Se un incendio arrasa con todo, é que o territorio está mal ordenado. Vai máis alá dun pirómano puntual. O pirómano vai existir sempre, pero terán que minimizarse os seus efectos".

Por outra banda, os denominados Grandes Incendios Forestais (aqueles que afectan a máis de 500 hectáreas), segundo Emilio Aguete, "son cada vez máis frecuentes e de maior intensidade, polo que sería necesario reforzar a capacitación específica neste tipo de escenarios para estarmos mellor preparados ante esta nova realidade". Son moitos os factores que inflúen na xestión dos lumes, pero cómpre atender a aspectos coma estes para poder estar preparados e actuar da maneira máis efectiva posible. Se ben é certo que, ante un incendio desta magnitude, os medios nunca serán suficientes, algúns dos que os efectivos botaron en falta foron "máis vehículos motobomba, máis maquinaria pesada para a apertura de cortalumes e, por suposto, reforzo aéreo nestes momentos críticos". Posuír máis medios implica poder chegar a máis lumes e, polo tanto, diminuír o risco 

"Os danos económicos e emocionais son brutais, pero a nivel paisaxístico e ecolóxico é unha barbaridade. Tiñamos aquí unha terra fabulosa, e xa non queda nada", di Carlos, lamentando a situación que lles está tocando vivir. Se algo bo se pode sacar de todo isto, é a rede de colaboración que se artellou, na que todo o mundo colaborou para axudar ao do lado: "O máis bonito de todo isto foi ver como a xente saíu a axudar aos veciños. Emociona moito ver a unión da xente".

O interior da granxa de Carlos Atanes, en Ourense
O interior da granxa de Carlos Atanes, en Ourense | Fonte: Cedida
O interior da granxa de Carlos Atanes, en Ourense
O interior da granxa de Carlos Atanes, en Ourense | Fonte: Cedida
Carlos Atanes
Carlos Atanes | Fonte: Claudia Varela Lourido
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta