Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 26/08/2025 | Actualizada ás 22:00
Galicia arde, e con ela arden tamén os fogares dos animais. A vaga histórica de incendios forestais deixou tras de si milleiros de hectáreas calcinadas, aldeas cercadas polas lapas e familias que tiveron que fuxir ás presas. Mais non só as persoas sofren a ameaza directa do lume: os animais domésticos, o gando e mesmo a fauna salvaxe enfróntanse tamén a un escenario de perigo. Neste contexto, xurdiron iniciativas cidadás para protexelos, alimentalos e darlles unha segunda oportunidade.
UN GRUPO DE VOLUNTARIOS EN OURENSE
Antea é voluntaria dun grupo nacido de forma espontánea en Ourense. “Son irmá da creadora, Ébora, e formamos este grupo xunto con outro rapaz que se chama Julen, que está en Lugo”, explica. O seu labor centrouse en dar resposta a todo tipo de emerxencias derivadas dos incendios, entre elas as que afectaron tanto a animais de granxa como a mascotas e animais salvaxes.
“Houbo zonas, por exemplo na Gudiña, nas que animais de granxa se viron afectados polo lume. O que se intentou foi buscar outras localizacións para reubicarlos e o abastecemento de comida”, conta.
O grupo tamén puxo o foco na fauna salvaxe, que sofre a falta de alimento e a contaminación das augas por mor do fume: “O que se está intentando facer agora mesmo, aínda que vai máis lento, é levar alpaca e puntos de auga a diferentes localizacións do monte para os animais salvaxes, porque algunhas zonas de auga están contaminadas”.
REUBICAR, ALIMENTAR, PROTEXER
As necesidades son variadas. Algunhas protectoras colaboran na recollida de cans ou doutros animais que escaparon ou se perderon durante os incendios. “Están facendo esa labor de darlles sustento ata que aparezan os seus donos ou, no peor dos casos, se non aparecen, pois poñelos en adopción”, engade Antea.
Hai casos especialmente duros, como o dunha persoa da Gudiña que viu como o fume chegaba á súa granxa. “Estaba buscando unha nave ou un lugar para meter aos animais. É o que sabemos así de primeira man”, relata.
O traballo destes voluntarios céntrase sobre todo en coordinar ofrecementos e necesidades: “Temos unha sección que é ofrecemento voluntario de animais. Escribíronnos moitos veterinarios, clínicas veterinarias, asociacións e sobre todo xente individual”.
Na práctica, o que máis se precisa agora mesmo son recursos básicos para a alimentación e hidratación. “O que máis necesitamos é comida para granxa, como bloques de palla, e bebedoiros de pedra para deixar auga no monte”, resume Antea.
COMO PROTEXER AOS ANIMAIS
A parte máis preventiva é fundamental, e aquí veterinarios e protectoras insisten en varias recomendacións:
A SOLIDARIEDADE QUE SALVA VIDAS
O traballo do grupo non remata coa extinción das lapas. A súa sede en Ourense almacena material para distribuír nos núcleos afectados, pero a coordinación é complexa: “Somos voluntarios e resulta custoso coordinar a xente de toda Galicia e mesmo de fóra. O que pedimos é que cada persoa busque no seu concello ou distrito afectado se xa se están facendo iniciativas semellantes, e se non, que as propoñan”, explica Antea.
A mensaxe é clara: a protección dos animais fronte ao lume require organización, recursos e solidariedade. Porque eles tamén sofren as consecuencias dunha catástrofe que non entende de especies.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.