O Concello de Culleredo acolle a entrega dos restos de dúas vítimas do franquismo

Ámbolos corpos foron exhumados pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica dunha fosa común.

Por Europa Press / Redacción | CULLEREDO | 25/08/2025 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

O Concello de Culleredo (A Coruña) acolleu a entrega ás súas familias dos restos de José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto, membros da guerrilla antifranquista asasinados o 22 de xuño de 1952 na parroquia de Visantoña, en Mesía (A Coruña). A exhumación foi realizada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) en agosto de 2024. "Esta xente atreveuse a nomear a palabra liberdade cando podíache custar a vida", recalcou o seu presidente, Emilio Silva, tras lamentar que "ás vítimas da ditadura aínda llas trata coma se fosen nun vagón detrás do tren".

Ao acto, asistiron os alcaldes dos municipios coruñeses de Culleredo, José Ramón Rioboo, e de Mesía, Mariano Igrexas, así como as familias dos represaliados, representantes municipais, de entidades, veciños e veciñas. Para Rioboo foi "un día de emoción fonda e xustiza histórica" xa que "73 anos despois, estes veciños regresan á súa casa". "Que sirva para que nunca máis se persiga a ninguén por defender as súas ideas", aseverou. Na mesma liña, Igrexas insistiu na "obrigación" das institucións de "que non se esquezan cousas que sucederon e nunca deberon suceder".

SEPULTURA

Posteriormente, os restos das vítimas foron trasladados ao cemiterio de Almeiras (Culleredo) para recibir sepultura. Aos seus familiares fíxoselle entrega dos mesmos en caixas cubertas con senllas bandeiras de Galicia e unha rosa vermella, coa actuación dun grupo de música tradicional de fondo. Así mesmo, exhibíronse botas atopadas na fosa común na que foran enterrados.

"Hoxe termina un capítulo da nosa historia familiar que necesitaba un peche", sinalou un sobriño de José Galán, Alberto Gómez, visiblemente emocionado e para incidir en que o seu tío foi "asasinado por defender a liberdade e a igualdade social".

Pola súa banda, a curmá de Manuel Ramiro, Teresa Ramiro, destacou a "historia de loita e valentía" do seu parente. "Non debemos permitir que as súas memorias morran con eles", advertiu.

REPRESALIADOS

José Galán vivía na Regueira, en Alvedro (Culleredo), xunto á súa familia. A principios dos anos corenta, en plena Ditadura, desertou do servizo militar en Lugo e tivo que fuxir ao monte. Durante a súa estancia na guerrilla estivo integrado en varios destacamentos e participou en diferentes actuacións nos anos 1948 e 1949.

Pola súa banda, Manuel Ramiro Souto naceu en Almeiras, en Culleredo, en 1925. Botouse ao monte cos seus tíos, que eran ligazóns da guerrilla e temían que fosen delatados. Participou en ofensivas da guerrilla, como a que se produciu tras a caída de José Gómez Gayoso, secretario de organización do Partido Comunista, e Antonio Seoane, xefe do Exército Guerrilleiro de Galicia.

Nos últimos tempos de estancia no monte de ambos, estiveron integrados xunto a Juan Couto Sanjurjo no destacamento 'Manuel Ponche'. O tres foron cercados pola Garda Civil en Visantoña o 22 de xuño de 1952, sendo asasinados Galán e Souto. Sanjurjo rendeuse e, un ano despois, foi sometido a un xuízo en que a inicial pena de morte se conmutó por 30 anos de prisión.

Familiares de José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto recollen os restos mortais dos dous membros da guerrilla antifranquista asasinados en 1952. Gustavo da Paz - Europa Press
Familiares de José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto recollen os restos mortais dos dous membros da guerrilla antifranquista asasinados en 1952. Gustavo da Paz - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta