Valdeorras vendima entre a catástrofe: "Se non houbese viña, moitas aldeas terían sido pasto das chamas"

Jorge Mazaira, técnico da DO Valdeorras, relata a Galicia Confidencial como as viñas actuaron de cortalumes durante os incendios de agosto, aínda que iso pode comprometer para algúns viticultores a vendima deste ano, "con perdas de ata 30 hectáreas, o que se traduce nuns 300.000 ou 400.000 quilos de uva".

Por Ángela Precedo | OURENSE | 09/09/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O viño, esa memoria líquida que condensa sol, terra e paciencia, enfróntase en ocasións a probas que van máis aló das estacións. En Valdeorras, berce do godello e territorio de viñedos centenarios, o verán de 2025 deixou unha ferida fonda: os lumes de agosto. As chamas, voraces, non só devoraron monte e casas, senón que obrigaron a refacer as previsións da vendima. Nunha paisaxe na que as viñas chegaron a converterse en cortalumes que salvaron aldeas enteiras, a colleita preséntase tinguida de incerteza, fume e desazón. Jorge Mazaira, técnico de Denominación de Orixe (DO) Valdeorras, resúmeo con crudeza: "Tiñamos unha previsión inicial de arredor dos 8 ou 8,5 millóns de quilos, compensando o estrés dos viñedos pola calor de agosto e a entrada de novas plantacións, e todo se veu abaixo en cuestión dunha semana".

As viñas resistiron a voracidade das chamas e serviron de cortalumes
As viñas resistiron a voracidade das chamas e serviron de cortalumes | Fonte: DO Valdeorras

Os números que agardaban este ano dende a DO eran semellantes aos dos anos anteriores. Sen embargo, as previsións saltaron polos aires cando chegou o lume, un lume que semellaba non ter fin. "Os incendios mudaron totalmente o panorama: aproximadamente perdemos máis de 30 hectáreas de viñedos, o que se traduce nuns 300.000 ou 400.000 quilos de uva", detalla Mazaira. Así as cousas, cre que co que queda en pé, "poderiamos salvar uns uns 7,5 millóns de quilos, chegando a 8 se somos moi optimistas, no mellor dos casos". Pero confesa que iso xa sería "moita sorte". Ademais, asegura que o dano non so sé mide en cifras, pois hai viñas nas que só as primeiras fileiras quedaron queimadas polo lume, mentres que as seguintes se mantiveron en pé sen afectación polas chamas, pero o certo é que os viñedos ao completo se viu afectada, xa fose de maneira directa ou indirecta.

"Non é que unicamente haxa que desbotar as uvas das primeiras fileiras queimadas, senón que as das inmediatamente seguintes a elas pode que tampouco valan", afirma o técnico. Neste senso, sinala que "será cada adega a que finalmente decida en que condicións están as uvas que vai recoller e ata onde chega tamén a afectación polo fume e as cinzas". E é que a presenza de tanto fume no ambiente tamén pode estragar unha vendima: "Que as uvas estivesen tanto tempo en contacto co fume xa pode supoñer unha afectación importante para algunhas e, se non foi moi próximo o lume, pode ter solución, pero se xa unha parte da viña foi afectada directamente polo incendio, hai adegueiros que prefiren agardar a ver como se comportan esas uvas e non arriscarse a collelas xa". Pois a incerteza medra coas choivas, polo temor a que as cinzas se depositen sobre as uvas.

"AS VIÑAS FIXERON DE CORTALUMES E SALVARON MOITAS ALDEAS"

Mazaira admite que nunca antes vira algo semellante ao que aconteceu este verán en Valdeorras e en gran parte da provincia de Ourense. Por iso, confesa que "descoñezo totalmente como se comportan as viñas ante a chegada duns incendios desta magnitude, cal é o estrés que lles poden causar". O que si sabe é que, de non ser polos viñedos, para moitas aldeas a cousa tería sido moito peor: "As viñas fixeron de cortalumes para que os incendios non arrasasen moitas aldeas". "Se non houbese viñas próximas a aldeas, os piñeiros chegarían a rentes das casas e, polo tanto, coa virulencia que tiveron estes incendios, as aldeas quedarían completamente arrasadas polas chamas", asegura. As viñas actuaron como escudo verde, como límite natural, "parando o lume". E aínda hoxe son un pulmón verde no medio da cinza: "A viña aínda segue verde e mantén auga". Unha esperanza tamén para unha comarca que esperta cada día nun escenario desolador.

Sen precedentes. Así define Mazaira o que aconteceu este verán na comarca de Valdeorras. Lembra que o ano pasado si que houbo algunha bodega que perdeu un par de hectáreas de viñedo por mor de incendios, pero asegura que "o deste ano foi outra dimensión". E, ademais, os lumes iniciáronse xusto ao comezo da tempada de vendima. "Xa comezamos o 21 de agosto a vendimar e agora mesmo estamos en actividade en sete adegas, para a vindeira semana pasar xa a once e de aí ir en aumento", detalla. E asegura que os lumes alteraron o ritmo das plantas. "A temperatura tan elevada puxo nerviosa á planta, e iso que este ano iamos ben de madurez, pero a planta paralizouse ante a chegada dos lumes". Así as cousas, actualmente a vendima de Valdeorras enfronta un dos seus capítulos máis amargos.

"POSIBLEMENTE HAXA TAMÉN UNHA PERDA DE VALOR HUMANO EN TODO ISTO"

O técnico da DO Valdeorras lembra que o de viticultor é un traballo a tempo completo, aínda que moitas veces non se pense así. A viña é esclava: require atención constante durante todo o ano para garantir unha boa colleita. "A viña tes que atendela todo o ano e por iso tanta xente sente agora unha impotencia tremenda", asegura. De feito, confesa que "hai persoas, sobre todo os máis maiores, que xa pensan que facer coas viñas despois desta catástrofe". E pon como exemplo o caso dunha viticultora de 55 anos que lle dixo: "Teño 55 anos e queimóuseme gran parte da viña, qué fago ahora?". "Posiblemente haxa unha perda de valor humano importante en todo isto", recoñece Mazaira, que entende perfectamente a aquela xente que se está repensando o seu futuro dentro do sector. E é que o golpe económico é moi severo: "Estamos falando de que dúas hectáreas queimadas poden supoñer 20.000 euros que se deixan de ingresar, con 10.000 quilos de uva perdida por hectárea".

Mazaira tamén lamenta que o lume sorprendeu á comarca de Valdeorras nun dos seus mellores momentos de mercado a nivel de viño. "Somos o berce do godello e os incendios chegaron no momento no que temos unha maior demanda e estamos producindo viños de excelente calidade", sinala. E conta que hai uns días mesmo un mestre xaponés lle preguntou cando ían comezar a promocionar en Xapón o godello, ao que el respostou rendido: "Agora non imos ter viño suficiente...". Pois ao desastre causado polos incendios habería que sumar tamén a ameaza constante do cambio climático. Con todo, o técnico asegura que "polo menos para facer fronte ao cambio climático tivemos marxe de adaptación, para os lumes non". E, paradoxicamente, o que salvou aos viñedos das inclemencias climáticas, que foi subilos en altura, foi tamén o que os achegou aos lumes o pasado agosto, pois "tivemos que pegar as viñas ao monte, un monte no que non había unha correcta limpeza da franxa de 100 metros arredor". A iso suma a falta de efectivos e medios para loitar contra o lume antes de que este se espallase sen control, como aconteceu finalmente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta