Tentáculos de ata 30 metros e veleno que segue activo días despois: "As carabelas portuguesas non son ningunha broma"

Galicia enfróntase neste comezo do mes de setembro a unha invasión de carabelas portuguesas nas súas praias con especial risco para nenos e colectivos vulnerables. Josep María Gili Sardá, do ICM-CSIC, alerta sobre a perigosidade desta especie e ofrece as claves para a súa retirada segura dos areais.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/09/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os últimos días de agosto e estes primeiros de setembro deixaron imaxes de praias galegas pechadas pola irrupción masiva das carabelas portuguesas (Physalia physalis). En Sanxenxo houbo bandeira vermella en Silgar, Areas, Canelas e Montalvo; en Cangas pecháronse as praias de Liméns e Nerga; na Coruña recolléronse entre 80 e 90 exemplares diarios destes organismos a finais de agosto e rexistráronse medio cento de picaduras; no Grove, máis dun cento de carabelas foron retiradas en tan só dous días da praia da Lanzada; en Muros, máis de 35 carabelas portuguesas obrigaron a extremar as precaucións na praia de San Francisco... A situación actual --pódense consultar todos os avistamentos en MedusApp-- xera alarma, pero, sobre todo, obriga a extremar a precaución: unha soa carabela pode ser motivo suficiente para clausurar un areal completo.

Exemplar de carabela portuguesa (Physalia physalis)
Exemplar de carabela portuguesa (Physalia physalis) | Fonte: Proyecto La Mar de Medusas

Josep María Gili Sardá, investigador no Institut de Ciències del Mar (ICM-CSIC) que leva anos estudando as carabelas portuguesas na zona do Mediterráneo, recalca que a súa aparición "non é ningunha broma". Segundo explica, a pesar de que a súa 'cabeza', unha cámara de gas de cor azul-violácea que frota na auga, só acade os 30 centímetros, os seus tentáculos, moi finos, poden chegar aos 30 metros extendidos. "Cando as carabelas chegan ás praias moitas veces non o fan enteiras: pode chegar a cabeza con algún tentáculo, os tentáculos soltos e fragmentados...", sinala. E, aínda que non o pareza, "os tentáculos rotos seguen a picar durante dous días, aínda separados do resto da colonia", advirte. As picaduras de carabela portuguesa son moi dolorosas e, en moitos casos, perigosas para a saúde e a vida humanas. De feito, o investigador lembra que no Mediterráneo esta foi a única especie de 'medusa' que causou mortes da que se teña constancia.

O SEU VELENO TEN PROPIEDADES NEUROTÓXICAS, CITOTÓXICAS E CARDIOTÓXICAS: "SO CUN EXEMPLAR HAI QUE PECHAR A PRAIA"

As carabelas portuguesas chaman moito a atención da poboación pola súa cor azul-violácea intensa, o que fai que moitas persoas, mesmo nenos, se acheguen ás praias cando se alerta da súa presenza para poder observalas. "Todo o contrario do que se debería facer", lamenta Gili Sardá, que explica que as súas células urticantes conteñen veleno encapsulado que se dispara por cambios de temperatura, rozamento ou impacto. E insiste en que mesmo os tentáculos que aparecen soltos espallados pola area poden ter veleno activo: "Se os días son solleiros, un tentáculo separado do resto da colonia pode picar durante polo menos un día; se os días son nubrados ou frescos, ata dous". O seu veleno ten propiedades neurotóxicas, citotóxicas e cardiotóxicas, polo que pode producir escozor e dor moi intensa, con reaccións sistémicas nalgúns casos (tremores, diarrea, vómitos e convulsións).

As zonas máis afectadas polas picaduras, segundo os rexistros, adoitan ser as 'pantorrillas' ou a parte traseira das pernas. E é que moita xente séntase na area sobre fragmentos de carabela que están ocultos nela, sen sabelo. Na zona de contacto adoita aparecer unha liña de pápulas brancas e unha marxe vermella. Por iso, o investigador do ICM-CSIC insiste en que é preciso pechar praias no mesmo intre no que se detecta un exemplar de carabela portuguesa. "Só cun exemplar hai que pechar a praia, sen lugar a dúbidas", sentencia Gili Sardá, que, con todo, asegura que para os bañistas a mellor prevención é o sentido común, sumada ao uso de cremas solares, que crean unha película protectora na pel e dificultan a entrada nela do veleno. E, no caso de picadura, a diferenza do que acontece coas picaduras das medusas, o tratamento máis eficaz é o vinagre e aplicar calor con parches quentes ou inmersión da zona en auga a 40-45 ºC durante 15 minutos.

Exemplar de carabela portuguesa (Physalia physalis)
Exemplar de carabela portuguesa (Physalia physalis) | Fonte: Proyecto La Mar de Medusas

"SE NOS PICA UNHA VEZ E NOS VOLVE PICAR UNHA SEGUNDA, PODE PROVOCARNOS UN 'SHOCK' ANAFILÁCTICO"

Os grupos máis vulnerables ao veleno das carabelas portuguesas son os nenos e as persoas con problemas asmáticos, cardiovasculares ou dermatolóxicos. Ademais, o investigador lembra un detalle pouco coñecido pero moi relevante: a segunda picadura dunha carabela pode ser máis grave que a primeira. "Se nos pica unha vez e nos volve picar unha segunda, pode provocarnos un shock anafiláctico --reacción inmunitaria severa, xeralizada, de rápida instalación e potencialmente mortal, ante o contacto do organismo cunha substancia que provoca alerxia, e que pode levar á morte nos casos máis graves--", advirte Gili Sardá, lembrando que foi precisamente o estudo das carabelas portuguesas o que permitiu descubrir a existencia deste fenómeno a comezos do século XX, salvando despois numerosas vidas grazas á investigación.

Ademais, o investigador do ICM-CSIC tamén sinala que estes organismos deben ser retirados das praias sempre con guantes e traxes de auga, por parte dos equipos de limpeza especializados. Recomenda ademais pasar o angazo pola area para destruír restos invisibles a simple vista de carabela, pois os tentáculos son moi finos e conteñen centos de miles de células con potente veleno. "A mellor forma de facer viable para o baño de novo unha praia despois da chegada de carabelas portuguesas é retirándoas e machando ben a area despois, deixando que o sol rebente as células urticantes co shock térmico", sinala. Así mesmo, o investigador resalta que as medidas de prevención deben aplicarse non só o día en que estes organismos aparecen, senón tamén un ou dous días despois, porque aínda poden quedar fragmentos activos no mar ou na area.

Exemplar de carabela portuguesa (Physalia physalis)
Exemplar de carabela portuguesa (Physalia physalis) | Fonte: Proyecto La Mar de Medusas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta