Pontón e Besteiro piden a dimisión de Rueda polos lumes: "Se non é responsable de nada, para que o queremos?"

Os líderes da oposición censuran a falta de prevención e atribúen as consecuencias do lume á "incompetencia política" do presidente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2025 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

Os líderes do BNG, Ana Pontón, e PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediron este martes ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que dimita por mostrarse como un "perfecto incompetente" durante a vaga de incendios que afectou a Galicia no mes de agosto, especialmente na provincia de Ourense. Así o esixiron nas súas quendas de réplica á comparecencia do máximo mandatario autonómico no Parlamento de Galicia, no que é o primeiro pleno do curso político tras o verán, e no que coincidiron ao afear a Rueda que vestise durante a crise dos lumes o "chaleco da incompetencia".

Na súa intervención, a líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, sostivo que a vaga de incendios é "consecuencia directa" da "incompetencia política" de Rueda. "E por iso debe dimitir", dixo. "Se vostede non é responsable de nada para que o queremos? Para que lle pagamos o salario?", preguntouse Pontón, que asegurou que a "maior contribución" á crise do lume feita por Rueda foi "porse o chaleco da incompetencia" nunha "escalada propagandista para tapar a súa incompetencia".

A líder dos nacionalistas galegos censurou que "mentres os galegos vían na pantalla do seu móbil como ardían miles de hectáreas", a TVG "estivese convertida en Tele PP" durante unha xestión na que o Goberno da Xunta "ignorou" as recomendacións dos expertos. "E o resultado da súa incompetencia e da súa propagada é un drama, unha catástrofe", incidiu. Como segundo punto do "manual de manipulación" do PP, Pontón citou a técnica de "botar balóns fóra". "Todos son responsables menos vostedes, que casualmente teñen as competencias en ordenación e xestión do monte, en desenvolvemento rural, en extinción e en prevención", afirmou.

Para Pontón "esta actitude é a maior declaración de inutilidade" dun Rueda á fronte dun Goberno galego que "desde o ano 2009, por sectarismo político foi desmantelando todas as medidas que se puxeron en marcha en prevención e ordenación". "Quen quita os recursos e servizos ao medio rural é vostede", trasladoulle ao presidente. Nesta liña, acusou á Xunta de deixar "11 millóns de euros en medidas de extinción sen executar, incluídas as franxas de protección en parroquias de máximo risco", así como aos "recortes no dispositivo". "Un dispositivo máis pequeno e que, por enriba, non estaba operativo ao 100 % en época de máximo risco", afirmou.

"Pode ser máis incompetente, señor Rueda? Onde estaba vostede mentres Galicia ardía? En moto? De festa en festa? Si, si, ou na Praza de touros de Pontevedra con Feijóo e Rajoy", censurou para acusar a Rueda de "chegar tarde". "Tardou cinco días en porse o chaleco da incompetencia". Tras iso, pediulle que "recoñeza" que "houbo fallos" na coordinación das brigadas que chegaron a "estar incomunicadas" e que "moitos alcaldes, alcaldesas, veciños e veciñas estiveron sós traballando a cegas contra o lume, que houbo motombombas paradas por falta de persoal ou medios avariados...". "Ante esta cadea de neglixencia e incompetencia, cando pensa dimitir?", insistiu para asegurar que "quen é parte do problema, non pode ser parte da solución".

BESTEIRO PIDE A DIMISIÓN DE RUEDA POR "PERFECTO INCOMPETENTE"

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que "só hai un camiño", que pasa pola "dimisión" dun Rueda que se mostrou "no exercicio das súas competencias como un perfecto incompetente". "Todo o que dependía de vostede mostrouse incompleto, a medias, ineficiente ou abandonado. Non estabamos preparados, por moito que vostede presumise en incontables ocasións de que todo estaba perfecto", sinalou. Así mesmo, sostivo que "ninguén" lle compra á Xunta o "relato de que os incendios son inevitables". "Porque o que si se puiden facer, e vostede non o fixo, é anticiparse", sostivo para facer un relato cronolóxico e criticar que Rueda "tardase 12 días en aparecer" e cambiase o seu ton institucional "cando Feijóo apareceu en Galicia" para "repartir culpas e falar de terrorismo incendiario".

"O seu comportamento no mes de agosto volveu pór de manifesto unha sombra que o persegue desde que vostede é presidente da Xunta. Unha sombra negra. A do seu predecesor, Núñez Feijóo, que unha e outra vez se interpón entre vostede e os intereses de Galicia", trasladou. O líder do PSdeG lembroulle ao presidente do Goberno galego que "ten todas as competencias". "As de previr, as de apagar e as de coordinar". "E en todas fracasou", lamentou nunha intervención na que lembrou que en 2018 a Cámara galega aprobou 123 medidas para previr os incendios que a Xunta tiña "obrigación de aplicar" pero "non o fixo" nun contexto en que A lei galega de incendios segue "nun caixón". "O resultado, que Galicia se enfronta hoxe a lumes extremos coa mesma falta de planificación e prevención que hai sete anos", lamentou.

Besteiro, que acusou á Xunta de "marxinar" á provincia de Ourense, censurou que Rueda pedise 200 militares cando deixa 200 prazas do dispositivo anti incendios "sen convocar". Ademais, reprochou que a Xunta anuncie agora convocatorias como "quen quere sacar o carné de conducir despois de ter un accidente". "Este é o seu balance. Un fracaso, que é o mellor aliado dos incendios", indicou para reprochar tamén que Rueda "aparecese co chaleco de emerxencias e a barba en cuarto crecente" nunha TVG "usada de novo como medio particular de propaganda do PP".

DEMOCRACIA OURENSÁ

Pola súa banda, o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, considerou que, na súa intervención, o presidente Alfonso Rueda recoñeceu que "non se estaba facendo o suficiente en prevención" como, na súa opinión, mostran as cifras de superficie queimada e os anuncios feitos. Aínda que coincidiu con Rueda ao asegurar que "a inmensa maioría de incendios" son intencionados, sostivo que a "responsabilidade da administración é tomar medidas para que iso non teña consecuencias". Ademais, reclamado que os orzamentos do ano 2026 contemplen de forma específica unha "partida xenerosa" para abordar todos os efectos dos incendios en Ourense e non só as axudas aos "directamente afectados", que, segundo apuntou, son "moi pequenas".

DURA RESPOSTA DO PPDEG

En fronte, o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, defendeu que "o presidente estivo e está onde hai que estar". "Preguntaba ao presidente por que non trouxo o chaleco, señora Pontón. Xa o trouxo vostede, que é a que prefire a performance ao debate no Parlamento", esgrimiu. Á oposición, botoulle en cara "dúas peticións de dimisión, con cero propostas". Se chegan, garantiu que o PP as estudará "todas", pero antes de endurecer a súa intervención, lanzou un aviso: o PPdeG non aceptará "leccións" de quen "se pasaron a vaga de incendios tuiteando desde a hamaca". "E vou dicir unha cousa. Non admito que me chame carroñero nin a femia alfa do clan de hienas, nin o xefe dun comité de voitres. Non admito leccións da oposición máis desleal e máis irresponsable da historia de Galicia", atacou Pazos, convencido de que a "prioridade" da oposición foi "convocar protestas e pedir o voto" mentres se "expandían os incendios". "Mire, señora Pontón, a súa maior achega nesta onda foi exercer o cuñadismo tuitero, e a do señor Besteiro, a de sempre: converterse en altofalante do argumentario de Ferraz", agregou.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, comparece no Parlamento galego
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, comparece no Parlamento galego | Fonte: Álvaro Ballesteros

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta