Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2025 | Actualizada ás 13:11
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, acusou este domingo ao Goberno central de manter "un boicot máis a Galicia" ao decidir recorrer ante o Tribunal Constitucional dous preceptos da lei galega de medidas fiscais e administrativas vinculada aos orzamentos de 2024. Os recursos afectan á repotenciación dos parques eólicos e á regulación do grao de dependencia e discapacidade.
En declaracións á Radio Galega, Prado asegurou que se trata dun movemento "incomprensible" porque atinxe a cuestións "moi importantes para os galegos". Sobre a dependencia, sostivo que o modelo da Xunta "é máis áxil" e que "duplicou o número de persoas con recoñecemento que xa cobran axudas ou reciben servizos", ao tempo que criticou que o Executivo central pretenda "paralizar" este proceso.
No relativo aos eólicos, cualificou de contraditorio que un Goberno que "se presenta como o máis verde e social" cuestione unha norma que, segundo ela, busca impulsar a modernización do sector.
Prado tamén foi preguntada pola futura planta de Altri en Palas de Rei (Lugo) e pola negativa do Goberno a instalar unha subestación eléctrica asociada. A dirixente popular considerou a decisión "partidista" e cargou contra o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, por anunciar a nova. "Non entendo como Besteiro quere converterse en portador de malas noticias para Galicia", afirmou. Engadiu que o proxecto "cumpre coa lexislación ambiental" e "xeraría emprego nunha provincia envellecida".
A secretaria xeral do PPdeG tamén valorou a enquisa publicada por La Voz de Galicia, que mantén aos populares con maioría absoluta no Parlamento galego. Ao seu xuízo, os datos reflicten que "os galegos seguen apoiando a un goberno centrado no que lles importa", fronte a unha oposición que, segundo dixo, "segue suspendendo" por optar por "alborto, manifestacións, boicot e crispación".
Sobre a vaga de incendios de agosto, especialmente dura en Ourense, Prado destacou a "resposta extraordinaria" da Xunta e lembrou que algunhas familias xa recibiron axudas autonómicas. En cambio, acusou ao Goberno central de non ter aprobado aínda en Consello de Ministros as medidas comprometidas: "A Xunta respondeu como tiña que facelo ante unha situación extraordinaria", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.