O Goberno prevé transferir a Galicia competencias en aeródromos e permisos de traballo a estranxeiros en 2026

Arcadi España afirma que o traspaso podería concretarse en "uns meses" e pide á Xunta máis solidariedade na acollida de menores migrantes

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2025 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

O secretario de Estado de Política Territorial, Arcadi España, asegurou este domingo que Galicia contará con novas competencias no ano 2026, concretamente en materia de aeródromos e de permisos de traballo a persoas estranxeiras.

Arcadi España
Arcadi España | Fonte: EP

Nunha entrevista na Cadena Ser explicou que aínda é necesario avaliar os custos, o persoal e os servizos a transferir, pero manifestou confianza en que o proceso poida pecharse "en poucos meses". A pasada semana xa mantivera un encontro co conselleiro de Presidencia da Xunta, Diego Calvo, no que tamén participou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco.

Preguntado polo traspaso da AP-9, Arcadi España subliñou que debe analizarse o impacto económico e lembrou que o Executivo aplicou bonificacións que benefician a milleiros de galegos. En canto ás competencias en Meteoroloxía, precisou que outras comunidades contan con convenios de colaboración e que a prioridade é "garantir o bo funcionamento dos servizos públicos".

O secretario de Estado tamén apelou á solidariedade da Xunta na acollida de menores non acompañados. "Estamos a falar de nenos e nenas que chegan desamparados. Un país decente ten a obrigación internacional e moral de acollelos", afirmou, pedindo ao Executivo de Alfonso Rueda "non caer nas trampas da ultradereita".

Referiuse ao proxecto dun centro de menores migrantes en Monforte de Lemos (Lugo), para o que reclamou "prudencia e pedagoxía". Lembrou, ademais, que no caso da guerra en Ucraína non houbo polémicas e advertiu de que "a única diferenza entre un menor ucraíno que foxe dunha guerra e un menor de Mali que foxe dunha guerra é a cor da pel".

Arcadi España cuestionou o rumbo do Partido Popular, sinalando que "é difícil distinguir ao PP de Vox, sobre todo en temas como a inmigración". Preguntado sobre se a Xunta está "tutelada" por Alberto Núñez Feijóo, ironizou: "non sei se por Feijóo ou por Ayuso, estou perdido sobre cantos PP hai".

Tamén se referiu á xestión da vaga de incendios do verán, criticando que algunhas comunidades "non fixeron os deberes ante o cambio climático" e acusou a determinadas institucións de politizar e difundir bulos. Con todo, asegurou que o Executivo central esgotará a lexislatura porque "a crispación é asimétrica".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta