José Tomé cualifica o pacto entre PP e Camiña Sarria como "a maior bazofia política da historia"

O líder provincial do PSdeG acusa o alcalde Claudio Garrido de "traizoar aos seus votantes" cun acordo que considera "inxectable"

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 28/09/2025 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG en Lugo e presidente da Deputación, José Tomé Roca, criticou con dureza o acordo de goberno alcanzado entre o PP e a formación independente Camiña Sarria, liderada polo alcalde Claudio Garrido. Fíxoo este domingo nunha rolda de prensa na que cualificou o pacto como "a maior bazofia política da historia de Sarria".

O secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo e o presidente da Deputación, José Tomé Roca
O secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo e o presidente da Deputación, José Tomé Roca | Fonte: PSOE de Lugo

Segundo Tomé, o entendemento responde unicamente a "resolver os problemas persoais do alcalde e do PP", deixando de lado as necesidades reais da veciñanza. O dirixente socialista acusou a ambas formacións de "escenificar unha gran mentira ao pobo" con 15 puntos programáticos que, ao seu xuízo, "son un canto ao sol" porque "non son executables cando resta pouco máis dun ano de mandato".

O líder socialista tamén destacou que "máis da metade dos concelleiros" se negaron a participar no acordo, algo que, dixo, demostra que houbo "dignidade política fronte a unha farsa". Ademais, insistiu en que dentro do PP hai "moita división interna" e que o pacto responde ás "ambicións da súa presidenta".

Tomé lembrou que en Viveiro, "hai uns meses, o PP anunciou investimentos millonarios e o único que fixeron foi subir o soldo á alcaldesa". Neste sentido, sinalou que varios dos compromisos incluídos no documento presentado en Sarria "xa foran anunciados e incumpridos" e outros son "materia doutras administracións", polo que non poderán levarse a cabo.

O responsable provincial do PSdeG foi máis aló e tachou o pacto de "acto de transfuguismo, escuro e con letra pequena". Segundo afirmou, Claudio Garrido "vendeu politicamente a súa candidatura ao PP, traizoando aos veciños de Sarria" e utilizando a política "en beneficio propio".

Finalmente, Tomé asegurou que "boa parte" dos votos que recibiu Camiña Sarria procedían de electores de esquerda e amosouse convencido de que "a inmensa maioría volverá confiar na alternativa progresista".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta