Senadoras galegas do PP piden a dimisión da ministra de Igualdade pola xestión das pulseiras antimaltrato

Nidia Arévalo e Pepa Pardo acusan a Ana Redondo de "incompetencia" e de favorecer aos agresores en lugar de protexer ás vítimas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2025 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

As senadoras populares galegas Nidia Arévalo e Pepa Pardo esixiron este domingo a "dimisión inmediata" da ministra de Igualdade, Ana Redondo, ao considerala responsable dunha xestión "incompetente" en materia de violencia machista.

As senadoras populares Nidia Arévalo e Pepa Pardo
As senadoras populares Nidia Arévalo e Pepa Pardo | Fonte: PPdeG

Segundo Arévalo, o Executivo estatal "que se autodefine como o máis feminista da historia da democracia" está a protagonizar "algúns dos escándalos máis duros e atroces en materia de igualdade e violencia de xénero".

Un dos principais argumentos das críticas céntrase no funcionamento das pulseiras de control para agresores, que, segundo denunciaron, "foron adquiridas en plataformas non oficiais". As populares sosteñen que isto provoca "falta de cobertura, manipulación dos dispositivos e perda de datos", circunstancias que, ao seu xuízo, "benefician aos agresores" e deixan ás vítimas en situación de maior risco.

As representantes do PP advertiron das consecuencias que podería ter esta situación e preguntáronse "cantas mulleres están desprotexidas, cantas temen pola súa vida, cantas viven en situación de pánico e cantos agresores se viron favorecidos".

Coa súa intervención, Arévalo e Pardo insistiron en que a prioridade debe ser reforzar a seguridade das vítimas e responsabilizan directamente á ministra pola suposta falla de garantías no sistema de vixilancia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta