Por Europa Press / Redacción | VITORIA | 28/09/2025 | Actualizada ás 15:04
A responsable de Relacións Internacionais do BNG, Montse Prado, participou este domingo no Alderdi Eguna, a celebración anual do PNV en Vitoria-Gasteiz, onde apelou a impulsar unha folla de ruta compartida entre as forzas soberanistas de Galicia e Euskadi.
Prado subliñou que encontros deste tipo son unha oportunidade para "reforzar as relacións" entre ambas organizacións, pero tamén para "contrastar a situación das nosas nacións nun contexto estatal e internacional de moitas incertezas".
A dirixente nacionalista insistiu na necesidade de deseñar estratexias conxuntas fronte ao que definiu como "un proceso de españolización e recentralización promovido polas forzas políticas estatais". "Faise máis necesaria unha folla de ruta compartida para que as aspiracións de Euskadi e Galicia poidan facerse realidade", afirmou.
Prado advertiu do aumento da extrema dereita e dos intentos de "pór en cuestión as aspiracións" das nacións sen Estado, polo que considerou "máis importante que nunca" reforzar a cooperación entre formacións soberanistas.
Segundo concluíu, a aposta é "crear un marco común onde as nacións do Estado español poidan camiñar cara á consecución da súa soberanía".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.