Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/09/2025 | Actualizada ás 13:59
A CUT rexistrou formalmente a convocatoria dunha folga xeral en toda Galicia para o próximo 15 de outubro en apoio ao pobo palestino, segundo informou nun comunicado. A central sindical subliña que a clase traballadora galega "non permanece allea ao xenocidio que o estado de Israel está a cometer co pobo palestino" e que "a acción popular contundente é o único camiño para forzar ás institucións a parar o masacre".
A convocatoria pretende ser aberta a todas as organizacións sindicais e sociais, ofrecendo "cobertura á clase traballadora galega para mostrar a súa solidariedade" e instando a que sexa a propia clase traballadora, independentemente das siglas que defenda, a "tomar a voz neste masacre".
Pola súa banda, UXT e CC.OO. rexistraron tamén mobilizacións para o 15 de outubro en todos os centros de traballo públicos e privados de España. A xornada incluirá asembleas e concentracións en tres franxas horarias: de 10:00 a 12:00, de 17:00 a 19:00 e de 02:00 a 04:00 horas, co obxectivo de "darlle unha dimensión laboral" ás protestas e mobilizar "miles de centros de traballo".
Ademais, CC.OO. criticou o papel do presidente estadounidense, Donald Trump, nos ataques de Israel a Gaza, sinalando que o que sucede na rexión "ten que ver con moitas das estratexias" da súa administración. Segundo Unai Sordo, secretario confederal de CC.OO., Israel non podería realizar estas accións sen a "cobertura máis ou menos tácita" dos Estados Unidos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.