Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2025 | Actualizada ás 15:37
O Consello Galego de Pesca, presidido pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, aprobou este venres o ditame que rexeita a proposta do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 anunciado a finais de xullo pola Comisión Europea, xa que a consideran lesiva e prexudicial para Galicia. Segundo trasladou a Xunta nunha nota de prensa, o documento, ratificado por todos os integrantes deste órgano consultivo, é o resultado da unidade de acción emprendida a comezos de agosto polo grupo de traballo creado para deseñar unha folla de ruta a este respecto.
Para a responsable autonómica, a formulación do órgano europeo implica a "desaparición do carácter específico do Fempa", supondo unha insuficiencia orzamentaria, así como "a invisibilidade do sector para Europa", restándolle, engadiu, "o carácter prioritario que tiña ata a actualidade". Ademais, na súa opinión, deixa a discreción dos Estados membros as prioridades e criterios de repartición duns recursos estratéxicos para Galicia, como principal rexión pesqueira europea e, por tanto, a maior beneficiaria do actual fondo.
Así mesmo, a Xunta puxo en valor que o ditame é un exemplo da unión entre Administración e sector, destacando tamén "a capacidade de anticipación da Xunta", posto que, tal e como apuntou, o Goberno central aínda non constituíu o grupo de traballo anunciado polo ministro para establecer unha posición nacional conxunta ante un proceso de negociación "complexo e intenso" que comeza agora en Europa e que culminará ao longo do ano 2027.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.